As praias do litoral lucense

Con máis de 100 quilómetros de lonxitude, a costa de Lugo constitúe un dos puntos de maior interese xeolóxico a nivel internacional. Na súa zona leste, entre os municipios de Burela e Ribadeo, esténdese a rasa cantábrica, un tramo litoral de esquisto e lousa practicamente chan, cunha anchura de entre 3 e 5 quilómetros e unha altitude que oscila entre os 110 e os 20 metros.

Os seus límites naturais péchanos as estribacións das serras setentrionais e o propio Cantábrico, cuxo incansable bater, xunto co característico vento do nordeste, esculpiu a liña dun recortado litoral formando conxuntos de covas, arcos, illotes, rías, farallóns e cantís a cuxos pés se forman idílicos areais.

Aquí atópanse espazos naturais como o Monumento Natural da praia das Catedrais ou os característicos arcos rochosos da área xeolóxica do Perdouro en Burela.  Unha costa en constante evolución onde a beleza do efémero convídanos a despregar todos os sentidos para contemplar o impactante escenario onde o Cantábrico desenvolve a súa creación.

E desde Burela ao Vicedo, o sector occidental da Mariña ofrécenos a visión dunha costa crebada e agreste. É aquí onde a paisaxe da rasa litoral se transforma para dar paso á denominada “Península da Paz” de San Cibrao, continuando polo litoral de Xove, unha das zonas máis sorprendentes pero tamén máis descoñecidas da nosa xeografía. Neste tramo costeiro sucédense areais, illas, enseadas, portos tradicionais, moles graníticas de formas imposibles como o cabo de Morás e promontorios como o do Faro da Roncadoira, unha auténtica atalaia ao abismo. Estamos xa na Zona de Especial Protección de Aves da Mariña Occidental, que conta con enclaves estratéxicos para contemplar o paso de aves migratorias, e que abarca, ademais, a costa de Viveiro, destino por excelencia de turismo estival, e a do Vicedo, cuxas infinitas praias sucédense entre tramos de impactantes cantís, como os que conducen polo sendeiro da punta Socastro ou “ Fuciño do Porco”.

Neste inconfundible marco de diversidade, ábrense ao Cantábrico máis de 50 praias e calas, algunhas abrigadas con augas tranquilas para o goce de baños en época estival e outras en mar aberto, cuxa oleaxe as converte en auténticos templos para a práctica de surf e doutros deportes acuáticos.

Máis información nas seguintes ligazóns:

Praias de Ribadeo   Praias de Barreiros   Praias de Foz   Praias de Burela   Praias de Cervo   Praias de Xove   Praias de Viveiro   Praias do Vicedo

 

Praia de Remior
Praia do Portelo
Praia do Torno
Praia de Arealonga
Praia de San Román
Praia de Covas
Praia dos Castros e Ínsuas 1
Praia dos Castros e Ínsuas 2