Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente e a Deputada de Turismo participan na primeira xornada da nova tempada de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación

catamaráns
turismo
Ribeira Sacra
O servizo estará operativo ata finais de ano con redución de aforo, flexibilización horaria e protocolos específicos para que a actividade se desenvolva en condicións sanitarias e hixiénicas axeitadas fronte á Covid-19

José Tomé manda unha mensaxe á veciñanza da provincia e do resto Galicia para que se anime a pasar un día de tranquilidade, desfrutando dunha comarca como é a Ribeira Sacra, lonxe das aglomeracións

As persoas interesadas poden realizar as súas reservas na web reservas.rutasembalses.es. A institución aconsella facer o pagamento online para evitar o contacto e ten habilitada información turística para descargar con códigos QR nos embarcadoiros

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participan este sábado na primeira xornada da nova tempada de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra que ofrece a institución. José Tomé e Pilar García Porto farán esta tarde a viaxe que parte ás 17.30h da Ponte do Sil, acompañados polo Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e a Alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega. 

O Presidente da Deputación anima á cidadanía a realizar algunha das viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra que a institución provincial xa ten en marcha. O servizo arrancou esta fin de semana e estará operativo ata finais de ano con novas medidas de seguridade para garantir que non haxa riscos de contaxio da Covid-19 antes, durante e despois da actividade. 

“Cremos que a participación irá aumentando pouco a pouco cada semana. Sabemos que a prudencia debe primar neste tipo de actividades, pero nós como institución pública traballamos moito para que non se corra ningún risco para desenvolver este tipo de iniciativas de lecer con seguridade”, explica José Tomé.

A posta en marcha deste servizo “é unha moi boa noticia para o sector hostaleiro e turístico, e tamén para o comercio da comarca e de toda a nosa provincia porque axudará a reactivar a economía unha vez superada a etapa máis dura da pandemia”, explica o Presidente. Así mesmo, lembra que precisamente ese é o principal obxectivo que persegue a campaña EN LUGO, SI que vén de lanzar a Deputación para reactivar o consumo no comercio, a hostalería e o turismo axudando a fortalecer a imaxe da provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, e para pasar as vacacións.

Pola súa banda, a Deputada de Turismo indica que as pautas son claras en canto ao distanciamento social xa que “as embarcacións saen coa metade de prazas ocupadas que o facían as outras temporadas e fixamos un calendario de saídas de tal xeito que coincida o mínimo número de persoas no embarcadoiro antes de subir ou baixar no catamarán”, subliña.

García Porto manda unha mensaxe dirixida de xeito especial á veciñanza da provincia de Lugo e do resto de provincias galegas para que fagan as súas reservas co fin de pasar un día en tranquilidade absoluta, desfrutando dunha comarca como é a Ribeira Sacra, lonxe das aglomeracións. “Falamos dun lugar idílico que está a un paso de ser declarado Patrimonio da Humanidade e que xa é Ben de Interese Cultural. Subirse a unha das embarcacións provinciais permítenos descubrir unha contorna impresionante que temos preto da casa e cumprindo coas normas de seguridade que nos marcan as autoridades sanitarias”.

“Entre viaxe a viaxe as embarcacións vanse desinfectar co obxectivo de que o risco de contaxio ao realizar unha das rutas que temos programadas sexa o mínimo posible”, explicou a Deputada. García Porto incide en que é normal “que de primeiras nos custe planificar as nosas viaxes e escapadas, por iso debemos apostar polos lugares de proximidade nos que hai múltiples opcións de lecer que se complementan entre si e fan que desconectemos da rutina e do período de confinamento que vimos de pasar”.


Reservas e venta de billetes
No caso do embarcadoiro Ponte do Sil, as embarcacións non sairán á vez, senón que se ofertan ata 5 horarios diferentes para poder realizar as viaxes e o límite de aforo fíxase para 26 pasaxeiros nunha e de 53 na outra. No caso de Belesar, poden viaxar de cada vez 31 pasaxeiros, con flexibilización horaria.

A Deputación prioriza a compra de billetes na web reservas.rutasembalses.es. No caso de que se deba facer in situ, é preferible que os pagamentos se fagan con tarxeta bancaria. Ademais, é obrigatorio o uso de máscaras de protección e están habilitados dispensadores de xel hidroalcólico tanto nas instalacións como nas embarcacións para que se poidan realizar desinfeccións de mans.

O persoal cumpre protocolos específicos e instalou paneis informativos para lembrar todas as medidas de seguridade. A información turística pódese descargar mediante códigos QR e a institución flexibiliza as condicións de cambio de data ou cancelación, así como para a devolución do importe do billete durante toda a temporada de viaxes. 


Horarios 

Embarcadoiro Ponte do Sil
Xuño 
Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h

Xullo e agosto
Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h

Setembro 
Do 1 ao 13: Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Do 1 ao 13: Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h
Do 14 ao 30: Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h e 16:00h 
Do 14 ao 30: Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h

Outubro
Embarcación 1 (26 prazas) -> De mércores a domingo e o día 12: 11:00h, 16:00h 
Embarcación 2 (53 prazas) -> De mércores a domingo e o día 12: 11:30h e 16:30h


Embarcadoiro Belesar
Xuño 
31prazas -> De mércores a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 

Xullo e agosto
31 prazas -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 

Setembro 
Do 1 ao 20: 31 prazas -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Do 21 ao 30: 31 prazas -> De luns a domingo: 11:30h e 16:30h

Outubro
31 prazas-> Venres, sábados e domingos e o día 12: 11:30h, 16:30h