Deputación de Lugo
Turismo

Os colectivos empresariais e profesionais do turismo constatan nos encontros da Deputación que están preparados para o escenario post Covid-19

Pilar García Porto
EN LUGO SI
Segundo foro de turismo.IMG01
A segunda sesión das xornadas on line Abrindo as portas: o rexurdir do turismo reuniu hoxe a representantes das asociacións galegas de axencias de viaxes, de empresas de turismo activo, de guías de turismo, de albergues privados e da Asociación Provincial de Empresas de Hostalería de Lugo

A aposta pola profesionalización, as garantías sanitarias e a cooperación coas institucións para promocionar os destinos son claves para a recuperación do turismo, segundo os participantes, aos que se lles preocupa o intrusismo

Estes encontros de acceso libre e gratuíto continuarán na xornada de mañá xoves e os vindeiros días 15 e 17. Participarán representantes de entidades e asociacións para pulsar o seu sentir particular e establecer novas follas de ruta

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, abriu este mércores a segunda sesión dos encontros online Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que organiza a institución provincial no marco da campaña EN LUGO, SI, dirixida a reactivar os sectores produtivos da provincia. Nesta ocasión, o foro, que se retransmitiu en directo a través da canle de Youtube dos Servizos de Audiovisuais da Deputación, reuniu a representantes de colectivos empresariais para abordar o futuro do sector turístico e poñer en común diferentes medidas e ferramentas nun novo escenario tras a crise da covid-19. 

Participaron o presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real e a representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez. 

Todos eles valoraron a transversalidade das xornadas organizadas pola Deputación e coincidiron na importancia de manter o sector turístico unido no novo escenario que se presenta tras a fase de confinamento e coa apertura de fronteiras cada vez máis próxima. Así mesmo, constataron que están preparados para facer fronte á nova normalidade post Covid-19 e que consideran clave para a reactivación do sector a aposta pola profesionalización, as garantías sanitarias e a cooperación coas institucións para promocionar os destinos, ademais de mostrarse preocupados pola ameaza que supón o intrusismo.

A Deputada de Turismo puxo en valor o esforzo e o traballo de todos os profesionais do eido turístico e destacou que nesta crise xogaron un papel difícil e agora deberán adaptarse as novas esixencias. “A provincia de Lugo ata agora contaba con recursos que eran unha opción á hora de viaxar pero hoxe ademais, son unha oportunidade. O valor engadido de ter espazos abertos, produtos de primeira calidade van ser fortalezas dentro do noso territorio e é fundamental a acción dos profesionais. Nestes momentos tan duros non podemos esquecer que a Deputación é a casa de todos os concellos, temos claro que vamos estar aquí para botar unha man. De todo isto podemos saír se temos a capacidade de sumar e non xerar enfrontamentos”.  

O presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, sinalou que este é un gran desafío para todo o sector, pero que aínda así estanse formando e preparando con todas as medidas e condicións de seguridade óptimas. “Será necesario tomar medidas extremas, establecendo aforos moi concretos e puntuais, agora mesmo non poderemos pasar do 50% de ocupación para garantir esas condicións”.

Na mesma liña falou o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, que comentou que tras o primeiro mes de estado de alarma comezaron a formarse e a asistir a diferentes webminars. “Parece que o turismo interior de Galicia e España en xeral vai ser o primeiro que se recupere, as axencias estamos preparadas para volver á nosa actividade e atender aos nosos clientes”.

En canto ao turismo activo, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, destacou o novo escenario ao que se enfronta este sector e a importancia de traballar de forma proactiva: “A capacidade de adaptación xoga un papel chave porque o escenario cambia de forma continuada. Toca enfocarse no que nos vén, toca clarificar o escenario de xogo e adaptarse de forma operativa onde as administracións e as empresas xogan un papel diferente e cada unha debe xogar o seu”.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación para sacar adiante os diferentes sectores económicos da provincia e avanzou que “se etán elaborando, en colaboración coas administracións, protocolos e manuais para identificar as diferentes medidas a seguir, así tratamos de informarnos nós para informar aos clientes”.

Como última poñente participou a representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez, quen sinalou que os principais obxectivos deste colectivo son a formación e a visibilidade. “Queremos que a nosa profesión se vexa como unha acción integradora, todos temos as mesmas inquedanzas e preocupacións, queremos que se nos vexa como alguén aberto á colaboración. O turismo é colaborar, o sector ten as ferramentas para loitar con un montón de inconvenientes”.

Novas xornadas
Os encontros de turismo online da institución provincial terán continuidade noutras tres sesións: na xornada de mañá xoves, e os días 15 e 17 de xuño, co obxectivo de converterse nun espazo de intercambio de información, análise e debate de opinións e tamén de escoita das necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a reactivación turística da provincia. Con esta iniciativa, a Deputación pretende facilitar ademais a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector.

As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo son unha das accións da campaña EN LUGO, SI que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán.

Os  foros de turismo online comezan ás 11:00 horas e contan coa participación da Deputada de Turismo, Pilar García Porto.

Mañá, no diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil intervirán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o Presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.

O luns 15 de xuño, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.

O mércores 17 de xuño, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL, Hostalería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.