Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación aborda mañá as claves para reactivar o turismo na provincia no 1º dos encontros online co sector

encontros turismo
turismo
Encontros online do turismo da Deputación de Lugo
O xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo, e a Deputada de Turismo, Pilar García Porto, abrirán o primeiro dos foros virtuais das xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo da campaña EN LUGO, SI

Baixo o título A sostibilidade e a confianza como claves para reactivar o turismo, a sesión comezará ás 11:00 horas e retransmitirase de balde, coa participación aberta a todo o público, a través de youtube

A Deputación de Lugo celebra mañá luns, ás 11:00 horas, o primeiro dos encontros online das xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo co fin de favorecer a reactivación deste sector na provincia.

Baixo o título A sostibilidade e a confianza como claves para reactivar o turismo, o xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo, xunto a Deputada de Turismo, Pilar García Porto, abrirán estas xornadas virtuais dirixidas ao sector do turismo provincial.

Os foros de turismo online retransmitiranse en directo e de balde a través do youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. Este primeiro encontro emitirase na ligazón https://youtu.be/Woo3L6ypYn0. Nesta canle o público poderá formular preguntas e comentarios. As persoas interesadas en participar poden escribir un email a turismo@deputacionlugo.org para recibir indicacións directas do acceso.

Sesións das Xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo
Os encontros de turismo online da institución provincial terán continuidade noutras catro sesións máis os días 10, 11, 15 e 17 de xuño co obxectivo de converterse nun espazo de intercambio de información, análise e debate de opinións e tamén de escoita das necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a reactivación turística da provincia. Con esta iniciativa, a Deputación pretende facilitar ademais a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector.

Nestes foros virtuais do turismo reuniranse representantes dunha vintena de asociacións de profesionais e de empresas, da sociedade civil, de entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e de organismos oficiais con competencias no turismo.

As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo son unha das accións da campaña EN LUGO, SI que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán.

Participantes nos encontros de turismo online
Todos os  foros de turismo online comezarán ás 11:00 horas e contarán coa participación da Deputada de Turismo, Pilar García Porto. O mércores 10 de xuño, no diálogo con representantes de colectivos empresariais intervirán as asociacións galegas de Albergues Privados -AGALBER-, de Axencias de Viaxes – AGAVI-, de Empresas de Turismo Activo e de Natureza – AGETAN-, xunto ás asociacións provinciais de Empresarios de Hostalería de Lugo –APEHL-, e de Guías de Turismo de Galicia -APIT GALICIA-.

O xoves 11 de xuño, no diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil intervirán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, Francisco Cajoto, a delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, e o Presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López Vázquez.

O luns 15 de xuño, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.

O mércores 17 de xuño, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL-, Hostelería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.