Deputación de Lugo
Turismo

Técnicos provinciais participan nunha mesa técnica en Palencia para impulsar o Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo

turismo
Camiño de Santiago
Mesa técnica sobre o Camiño de Santiago
Trátase dun punto de encontro no que 29 técnicos de institucións autonómicas e locais poñen en común ideas para a promoción do Camiño de Santiago

Lugo é a gran porta de entrada a Galicia para os peregrinos, que sumado aos máis de 800 quilómetros de rutas, converte ao Camiño nunha oportunidade turística única

A Deputación mantivo este venres un encontro coa Mesa Técnica Interinstucional do Camiño de Santiago, organizada pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, e da que forma parte o organismo provincial. Nesta xuntanza, celebrado en Palencia, os 29 técnicos das administracións autonómica e locais tiveron como reto unificar os proxectos relacionados coas rutas xacobeas.

Esta é a segunda reunión realizada pola Mesa Técnica, un foro de intercambio e un punto de encontro para pór en común as estratexias levadas a cabo en cada territorio, para a protección e promoción do Camiño de Santiago. Ademais, este encontro serve para a elaboración dun Documento Estratéxico do Camiño de Santiago de cara ao próximo ano Xacobeo, en 2021.

A provincia de Lugo é a gran porta de entrada a Galicia para os peregrinos. Un feito que, sumado aos máis de 800 quilómetros de Camiño de Santiago integrados no territorio lucense, son unha oportunidade para o turismo da provincia. A Deputación de Lugo traballa a carón de asociacións e institucións para levar a cabo distintas iniciativas que dean visibilidade ás catro rutas xacobeas oficiais (Camiño Primitivo, Norte, Inverno e Francés) e ás tres vías alternativas (Vía Künig, Camiño do Mar e Vía Regia do Norte).

O Goberno da Deputación decidiu participar na Mesa Técnica Interinstitucional pois é unha nova oportunidade máis para seguir traballando a prol desta alternativa turística, que involucra a máis de 30 Concellos da provincia e que, ano tras ano, achega a Lugo a milleiros de visitantes.