Deputación de Lugo
Turismo

60.000 persoas desfrutaron das Rutas Fluviais da Deputación pola Ribeira Sacra, un 10% máis que o ano anterior

turismo
Balance tempada de catamaráns 2018
Foron un total de 59.233 usuarios os que realizaron viaxes polos ríos Miño e Sil a través dos catamaráns de Doade e Belesar, o que supón 6.128 persoas máis que en 2017

Vidal Baamonde subliñou que “os datos de participación melloran ano tras ano, o que nos amosa a importancia de continuar ofrecendo este servizo, tan necesario para a zona”

O Goberno da Deputación tamén desenvolveu outras actividades de posta en valor da contorna como, por exemplo, co Festival Internacional de Música 17º, que reuniu a milleiros de persoas en emblemáticos espazos da Ribeira Sacra

Datos 2018: En Doade, rexistráronse 47.578 visitas na ruta dos Canóns do Sil, e en Belesar, na Ruta do Cabo do Mundo, 11.430

Preto de 60.000 persoas desfrutaron das Rutas Fluviais pola Ribeira Sacra da Deputación, un 10% máis que durante o 2017. Así o informou o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, que explicou que durante esta tempada rexistráronse 59.300 visitas, 6.128 máis que na tempada anterior. Cómpre lembrar que durante o 2018, o Goberno da Deputación decidiu debido a alta demanda ampliar a tempada dende o 1 de novembro ao 9 de decembro.

Vidal Baamonde, explicou que “os datos de participación nas rutas fluviais que ofrece a Deputación pola Ribeira Sacra melloran ano tras ano. Estas rutas son unha viaxe espectacular polo corazón da Ribeira Sacra que non deixa a ninguén indiferente. Os catamaráns dos ríos Miño e Sil veñen rexistrando un crecente número de viaxeiros cada ano. Por este motivo, nesta última tempada de 2018 reforzamos o servizo e ampliamos a tempada ata o 9 de decembro. Esta prolongación do período das dúas rutas fluviais da Deputación permitiu que máis xente descubrise a riqueza que compartimos as provincias de Lugo e Ourense: a Ribeira Sacra”.

“No Miño, coñeceron as Aldeas de Ribeira, as Vides, a Praia da Cova ou a Illa de Maiorga, entre outras belezas. E no Sil, os Miradores de Pena do Castelo, Chelos, Cadeiras, Soutochao, as Ribeiras do Sil ou as vides de Amandi. Con estas rutas fluviais dinamizamos a economía local dos 21 Concellos de Lugo e Ourense que integran a Ribeira Sacra, beneficiando, directamente, aos profesionais dos máis de 400 establecementos da zona. É unha aposta polo ecoturismo para xerar riqueza e emprego”, explicou.

O Deputado de Turismo destacou que “co obxectivo de promover a Ribeira Sacra, dende que estamos á fronte da área de turismo melloramos os servizos das rutas fluviais, porque somos conscientes da oportunidade económica que supoñen estas rutas. Melloramos as propias embarcacións, habilitamos unha oficina de atención turística ao público no embarcadoiro de Doade ou unha renovada Central de Reservas, que funciona as 24 horas. Tamén intensificamos as actividades de posta en valor da contorna como, por exemplo, co Festival Internacional de Música 17º, que reuniu a milleiros de persoas en emblemáticos espazos da Ribeira Sacra, como no embarcadoiro da Deputación en Doade, nas adegas ou nos miradoiros. Seguiremos a potenciar as rutas fluviais e as actividades na Ribeira Sacra ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo e de cara o seu merecido recoñecemento internacional”.

Participación de abril a outubro nas dúas rutas
Dende abril e ata finais de decembro, foron, exactamente, 59.233 persoas as que navegaron polas rutas de Doade e Belesar en 2018; isto supón un incremento de 6.128 persoas. A ruta fluvial de Doade foi a que máis aumentou o número de realizaron as viaxes durante este ano. En total, foron 47.578 persoas as que viaxaron polo Canón do Sil, fronte aos 41.715 que o fixeron en 2017. Pola súa parte, a Ruta do Cabo do Mundo en Belesar, contou con este ano con 11.430 viaxeiros.