Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación impulsa unha nova edición da Copa Deputación de Atletismo que reunirá a 2.000 participantes

Copa Deputación de Atletismo
Atletismo
O Goberno da Deputación impulsa unha nova edición da Copa Deputación de Atletismo que reunirá a 2.000 participantes
A primeira xornada deste evento deportivo, enmarcado no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, terá lugar o vindeiro sábado 19, nas pistas de atletismo do Estadio Gregorio Pérez Rivera, cunha duración estimada de 3 horas

Rivera Capón destacou que "este é un encontro deportivo xa asentado na cidade e no calendario da Federación Galega de Turismo, que nas tres xornadas desta edición, reunirá a preto de 2.000 atletas, o que supón un importante retorno económico”

O Goberno da Deputación garante a celebración destas xornadas deportivas cunha achega económica de 6.000 euros, pois tratase dunha competición de gran proxección a nivel local, autonómico e nacional

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, o Delegado da Federación Galega de Atletismo, José Manuel Peña Rodríguez, e o Representante da FGA, Jesús Vázquez Tallón, presentou a IX Copa Deputación de Atletismo no Estadio Gregorio Pérez Rivera, que acollerá o vindeiro sábado 19 de xaneiro estas probas deportivas. A Deputación garante a celebración deste evento deportivo cunha achega económica de 6.000 euros, pois trátase dunha competición de gran proxección a nivel local, autonómico e nacional.

Rivera Capón sinalou que “este é un encontro deportivo xa asentado na cidade e no calendario da Federación Galega de Atletismo, que nas tres xornadas desta edición, reunirá a preto de 2.000 atletas, o que supón un importante retorno económico. Deste xeito, colaboramos unha vez máis, co tecido deportivo fomentando as disciplinas deste eido na mocidade lucense”.

Atletas federados
A primeira xornada da Copa Deputación de Atletismo comezará ás 10:30 horas e participarán atletas federados de categorías comprendidas entre os 8 e 13 anos de idade, sub-10, sub-12 e sub-14. Serán preto de tres horas de competición nas que se disputarán as seguintes probas: salto de altura; lanzamento de peso 3 kg; 60 mv 0.84; 50 ml; salto de lonxitude; lanzamento de peso 1 kg; 60 ml e 60 mv 0.76. Os dous encontros restantes que completan este evento deportivo, terán lugar o 26 de xaneiro e o 2 de febreiro, e diríxense a atletas de categorías superiores, sub-16; sub-18; sub- 23 nas categorías sénior e máster.

Competición autonómica
As probas desta cita deportiva, enmárcanse no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e lévanse a cabo baixo o control técnico do Comité Galego de xuíces da Federación Galega de Atletismo. A competición diríxese a atletas federados, tanto a nivel galego como de calquera outra comunidade con licenza en vigor da Federación Española de Atletismo.

As probas que se leven a cabo estarán homologadas pola RFEA en cada categoría, polo que as marcas obtidas polos diferentes atletas serán validadas no ranking Galego e Nacional como marcas mínimas para a participación noutros campionatos, tanto nacionais como internacionais.

 

O Goberno da Deputación impulsa unha nova edición da Copa Deputación de Atletismo que reunirá a 2.000 participantes