Deputación de Lugo
Turismo

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra da Deputación baten os seus propios récords con máis de 60.400 viaxeiros esta temporada

turismo
Rutas catamarán
Ribeira Sacra
En concreto, foron 60.413 os usuarios e usuarias que realizaron esta as rutas fluviais polos Canóns do Sil e o río Miño, que operaron desde marzo ata esta fin de semana

García Porto destaca que son datos que confirman “un novo éxito do servizo provincial, porque estamos falando de máis de 10.000 persoas con respecto á temporada anterior, o que nos di que as políticas turísticas que temos en marcha son as que funcionan”

O perfil do visitante pasa por parellas e grupos pequenos procedentes, sobre todo de Galicia, e con máis de 55 anos, segundo as enquisas de satisfacción que recolleu a institución provincial

Máis de 60.400 persoas coñeceron a Ribeira Sacra este ano 2023, desde o mes de marzo ata esta fin de semana, a bordo dos catamaráns que xestiona a Deputación de Lugo polos Canóns do Sil e o río Miño. Un dato que evidencia que este atractivo turístico provincial se supera ano tras ano, batendo os seus propios récords. 

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou este luns destas cifras, que confirman “un novo éxito do servizo provincial, porque estamos falando de máis de 10.000 persoas con respecto á temporada anterior, o que nos di que as políticas turísticas que temos en marcha son as que funcionan”. Explicou a Deputada que ademais lógranse estes datos sendo respectuosos co medio, declarado Reserva da Biosfera pola Unesco, “algo que nos fai estar máis contentos aínda, porque se demostra que apostar por un turismo de calidade, proximidade, non masificado e ao longo de todo o ano é o camiño”. 

“As rutas fluviais que ofrece a institución provincial están a ser ano tras ano un motor moi importante de atracción turística para a provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoctas e de consumo, contribuíndo así de maneira directa á dinamización económica, da hostalería, do turismo e do comercio nesta comarca”, afirma o mandatario provincial. 

En total, esta temporada foron 60.413 os usuarios e usuarias que realizaron estas rutas fluviais coñecendo desde un punto de vista diferente estas particulares paisaxes. En concreto, na ruta do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, rexistráronse un total de 46.147 persoas, e na do Cabo do Mundo, con saída de Santo Estevo en Belesar, foron 14.266 viaxeiros.

Cómpre subliñar que a ruta que parte de Belesar se viu interrompida este outono polos traballos que fixo a empresa Naturgy no encoro dos Peares, baixando o nivel da auga, o que imposibilitou que non puideran navegar durante máis dun mes os catamaráns. 

Máis de 1.000 persoas nesta Ponte
Durante esta Ponte festiva da Constitución foron máis de 1.000 persoas as que realizaron algún destes dous itinerarios, en concreto 1.071 viaxeiros. Uns datos contabilizados dende o sábado 2 de decembro ata o domingo 10 de decembro, período no que as embarcacións navegaron todos os días con saídas pola mañá e pola tarde. 

A ruta que parte de Ponte do Sil foi a elixida por 858 persoas e, pola súa banda, a de Belesar escollérona 213 persoas.  

Perfís dos viaxeiros 
En canto ao perfil dos usuarios e usuarias do servizo provincial nesta temporada pódese dicir que predominou a asistencia en parellas e pequenos grupos de familias ou amigos, así como viaxeiros galegos e doutras comunidades autónomas que se achegan á Ribeira Sacra para coñecer a comarca e o que esta ofrece. Por idade, destacan os maiores de 55 anos, que son maioría nos datos que recolle a Deputación aos participantes.

En canto ás provincias, a maior parte dos viaxeiros e viaxeiras procede da provincia de Lugo, Pontevedra, Madrid, A Coruña, Barcelona e Asturias, “o que nos di que gusta o turismo de proximidade, que funcionan as nosas campañas e iniciativas turísticas para promover o coñecemento da nosa provincia e así o evidencian os datos”, explica Porto. “Vémolo incluso co programa Coñece a túa provincia, onde unha gran parte dos participantes elixe facer algunha das dúas rutas das que dispoñemos”.

Tamén se evidenciou unha alta presenza de viaxeiros doutros países, con rexistros de persoas procedentes de 35 nacionalidades diferentes, destacando a presenza de visitantes españois, portugueses, franceses e do Reino Unido.