Deputación de Lugo

Institucións e sociedade civil coinciden en apelar ao traballo conxunto das administracións para reactivar o sector turístico

encontros turismo
turismo
Encontros online do turismo da Deputación de Lugo
A terceira xornada de Abrindo as portas: o rexurdir do turismo reuniu á Deputada de Turismo, a Alcaldesa de Lugo, a comisaria do Xacobeo e aos presidentes da FEGAMP, da Mancomunidade da Mariña, do Consorcio da Ribeira Sacra, da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo e da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago

Os poñentes coincidiron na necesidade de crear sinerxías entre as diferentes administracións, implicándose e traballando de maneira conxunta, co fin último de facer fronte á nova normalidade

Os encontros de acceso libre e gratuíto continuarán na vindeira semana, os días 15 e 17, e reunirán a representantes de colectivos empresariais e hostaleiros

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu inicio este xoves á terceira sesión dos foros online Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que puxo en marcha a Deputación no marco da campaña EN LUGO, SI, dirixida a impulsar o tecido económico e os sectores produtivos da provincia. Neste encontro, no que participaron representantes de institucións, entes de xestión e promoción da sociedade civil, analizáronse as novas perspectivas para a reactivación da actividade turística ante a crise sanitaria.

Xunto a Pilar García Porto, no foro, que se retransmitiu en directo a través da canle de Youtube dos Servizos Audiovisuais da Deputación, interviñeron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz; o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; a delegada do S.A do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o Presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela; e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López.

Os poñentes puxeron en valor esta iniciativa de foros virtuais que ten en marcha a institución provincial e coincidiron na necesidade de crear sinerxías entre as diferentes administracións, implicándose e traballando de maneira conxunta, co fin último de facer fronte a esta nova realidade e así poder reactivar os sectores económicos.

A Deputada de Turismo agradeceu a participación de todos os poñentes neste encontro e puxo de manifesto a necesidade de implicación das administracións públicas para facer fronte á recuperación dos sectores económicos tras a crise sanitaria da COVID-19 e destacou que “é unha ferramenta especialmente necesaria no eido do turismo, o comercio ou a hostalería, todas elas denominacións xenéricas nas que se engloban realidades e necesidades moi diferentes. Este encontro resume tamén a variedade da nosa provincia, de paisaxes como A Mariña ou a Ribeira Sacra, a pegada do Camiño de Santiago, o turismo de monumentos, de praia, de gastronomía. Unha oferta variada que non deixou de atraer visitantes e que converteu a Lugo na provincia galega na que máis medrou a afluencia de visitantes no ano 2019.”

Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, remarcou a necesidade de crear unidades de actuación e protocolos comúns, rebaixando as confrontacións políticas e sinalou que “estamos nun momento que nos vai permitir fomentar un turismo de calidade. Aí temos un papel fundamental as administracións, entendo que debemos ter unha maior conectividade entre todos os axentes involucrados e todas as administracións que actúan nos territorios”.

O presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, comentou as liñas de actuación que está levando a cabo esta entidade dende o inicio da pandemia, como a posta en marcha dun servizo de asesoría ou a creación dun grupo de traballo co sector privado: “Dende hai dúas semanas temos o 37% da oferta da reserva turística da Ribeira Sacra xa en activo, e prevemos que nas próximas semanas entorno a un 75% dos establecementos recuperen a actividade. Traballar co sector dende o inicio permitiunos artellar estratexias consensuadas, responder ás inquedanzas, facilitarlles recursos, avanzar no deseño de novos produtos e artellar unha campaña moi forte”, apuntou.

No caso da comarca da Mariña, o presidente da Mancomunidade, Francisco Cajoto, incidiu na importancia do sector turístico para esta zona da provincia e mostrouse optimista coas previsión de ocupación hoteleira para esta tempada de verán. Avanzou que “podemos recuperar e apostar por ese turismo de calidade e tranquilo, ese turismo desestacionalizado que é o que pretendemos, que chegue a todos os momentos do ano”.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, apuntou os bos datos cos que a comunidade galega pechou o 2019, rexistrando o maior crecemento en todo o territorio nacional. Na liña do resto de ponencias destacou que no sector turístico “non partimos de cero, temos unha boa base e unha boa materia prima. É certo que esta crise vainos obrigar a cambiar cousas, a traballar mais en equipo, e cos diferentes sectores, sumando esforzos entre as administracións”.

En canto á Federación de Asociacións de Veciños, o seu presidente, Jesús Vázquez, sinalou que “debemos potenciar a personalización cos usuarios, a empatía, as relacións co cliente e a profesionalidade do sector turístico. Temos que descubrir a nosa provincia e fago un chamamento para que a xente faga proteccionismo cara o noso. Lugo ten moitas cousas por descubrir”.

Outra das cuestións que centrou este terceiro foro de debate foi o Camiño de Santiago e o vindeiro ano Xacobeo 2021. A delegada da S.A do Plan Xacobeo e comisaria do Xacobeo 2021 avanzou que “estamos traballando cos axentes do camiño para conseguir a máxima coordinación entre os diferentes organismos xestores facilitando unha reactivación que sexa coordinada e progresiva en canto haxa situacións de mobilidade e seguridade sanitaria”.

Nesta mesma liña, o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López, asegurou que para unha peregrinación segura hai tres cuestións fundamentais: “un protocolo sanitario para todos os albergues públicos e privados, un plan de axudas para adaptación e desinfección dos albergues de peregrinos e o potenciamento do espazo dixital de forma completa e ampla”.

Novas xornadas

A través desta programación, a Deputación pretende crear un espazo de debate, de intercambio de opinións e de análise para abordar a reactivación turística da provincia. As xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo son unha das accións da campaña EN LUGO, SI que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán.

Os seguintes encontros de turismo online serán a vindeira semana, o luns 15 e o mércores 17 de xuño, comezarán as 11:00 horas e contarán coa participación da Deputada de Turismo, Pilar García Porto.

O vindeiro luns, noutro diálogo con colectivos empresariais participarán representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-, Asociación de Balnearios de Galicia, Federación Galega de Comercio, Federación Galega de Turismo Rural e Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia -PROTURGA-.

O mércores, no debate Traballando por unha hostalería segura intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL, Hostalería de España e da Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura.