Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación achega 25.000 € á Mancomunidade para continuar desenvolvendo proxectos de impulso turístico na Mariña

A Mariña
turismo
Sinatura convenio turístico A Mariña
Campos Conde e Llano García asinaron esta colaboración coa que se pretende establecer a Mariña lucense como un destino turístico consolidado

O Presidente subliñou que “aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidades para xerar riqueza e emprego na nosa provincia”

Audioguías teatralizadas, campañas de publicidade, promoción do xeodestino con deportistas ou a edición dunha revista, son algunhas das iniciativas que se levaron a cabo ao abeiro deste colaboración

A seguinte iniciativa, en período de deseño, é a elaboración de roteiros e rutas de sendeirismo cos que poñer en valor diferentes puntos turísticos que, ás veces, son descoñecidos para o visitante, pero tamén para os propios veciños

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Presidente da Mancomunidade da Mariña, Alfredo Llano García, asinaron este mércores un convenio de colaboración de 25.000 euros para continuar desenvolvendo proxectos de impulso turístico da mariña lucense.
Campos Conde destacou que “como Presidente da Deputación, pero sobre todo como veciño dun Concello da Mariña, é un orgullo para min estar hoxe aquí, reafirmando o meu compromiso é o do Goberno Provincial con esta Comarca, mediante a sinatura dun novo convenio coa Mancomunidade. Estes fondos da Deputación permitirán desenvolver novos proxectos e actividades de impulso e promoción turística que beneficien aos 16 Concellos da comarca mariñana e, polo tanto, á provincia de Lugo”.

Neste senso, o Presidente subliñou que “aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidades para xerar riqueza e emprego na nosa provincia. O que pretendemos con esta nova colaboración é poñer en valor as nosas potencialidades, dalas a coñecer, e contribuír a que cada vez máis turistas nos veñan a visitar, pois estou seguro de que quedarán con ganas de repetir en futuras ocasións, porque a Mariña Lucense é máxica por natureza”.

Llano García, que agradeceu esta colaboración da Deputación, explicou que “permítenos continuar promovendo turisticamente a mariña lucense a través de accións que nos axuden a impulsar e desestacionalizar a afluencia de visitantes, co fin de conseguir que o fluxo de turistas se estabilice durante o ano”. 

A seguinte iniciativa que se desenvolverá, que está en período de deseño, é previsiblemente a elaboración de distintos roteiros e rutas de sendeirismo polos Concello que integran a comarca da mariña, co fin de poñer en valor diferentes puntos turísticos que, ás veces, son descoñecidos para o visitante, pero tamén para os propios veciños. 

As iniciativas postas en marcha xa ao abeiro deste convenio de colaboración son:

- Audioguías teatralizadas con información sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, que son historias personalizadas e adaptadas a cada destino. Concretamente, en Mondoñedo o fío condutor é Cunqueiro, en Ribadeo proponse un paseo polo Ribadeo Indiano, e en Viveiro convértese nunha viaxe no tempo pola historia da cidade a través dalgúns personaxes históricos. É un produto cun coidado proceso de documentación no que se identifican sucesos, personaxes e lugares con nome propio, que forman parte da intrahistoria de cada sitio, que servirán para descubrir a esencia de cada unha das vilas e, ao mesmo tempo, descubrir a Comarca

- Imaxe de marca a través do deporte. Recorreuse a deportistas individuais da comarca da mariña, así como equipos como o Burela Fútbol Sala, que levaron o nome da mariña alí onde competían, o que axudou a levar a nome da Mariña lucense, e polo tanto de Lugo, fóra das fronteiras. 

- A publicación da revista turística +QueAMariña, editada pola Mancomunidade coa que se promocionan 72 puntos de interese turístico dos 16 Concellos da Comarca. Concretamente son enclaves, nos que se inclúen museos, praias, covas, rutas ou citas emblemáticas. Realizáronse un total de 10.000 exemplares para instalar e distintos espazos turísticos da provincia, así como de toda a comunidade.
 

Sinatura convenio turístico A Mariña