Deputación de Lugo
Turismo

As asociacións profesionais do turismo manifestan nos foros da Deputación que confían en salvar a temporada de verán

Pilar Garcia Porto
ENLUGOSI
Abrindo as portas
Xornada Turismo abrindo as portas
A cuarta sesión dos encontros Abrindo as portas: o rexurdir do turismo contou coa participación da Deputada de Promoción do Territorio, a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, o presidente da Federación Galega de Comercio, un representante da Federación Galega de Turismo Rural e a presidenta da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia

No debate, todos os representantes coincidiron ao expresar que se comezan a animar as reservas para os meses de agosto e setembro, e afirman que ven preciso establecer unha rede de cooperación público-privada para planificar a promoción na nova normalidade post-Covid-19

O vindeiro foro online será este mércores, ás 11:00 horas, e estará focalizado na situación da hostalería. Contará con representantes da APEHL,Hostalería de España e da Horeca Data e ProyectoHostelería Segura

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu inicio este luns á cuarta sesión dos foros online Abrindo as portas: o rexurdir do turismo que puxo en marcha a Deputación no marco da campaña EN LUGO, SI, dirixida a impulsaro tecido económico e os sectores produtivos da provincia.Neste encontro, no que participaron representantes de asociacións profesionais do turismo, vencelladas ao aloxamento e ao comercio, manifestaron sentir unha actitude positiva cara a nova temporada de verán que está a piques de comezar. Consideran que agosto e setembro serán meses con boas cifras de ocupación para a provincia de Lugo e poñen o foco nas novas oportunidades que se xeran para o territorio lucense como lugar seguro e sen masificacións.

Xunto a Pilar García Porto, no foro, que se retransmitiu en directo a través da canle de Youtube dos Servizos Audiovisuais da Deputación, interviñerona presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, DulcineaAquín; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o representante da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Xabier Almuíña, e a presidenta da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, Fátima Cachafeiro.

García Porto comezou a súa intervención poñendo en común os puntos de encontro que se abordaron con outros representantes do sector neste mesmo espazo de diálogo. “Para a reactivación do sector a curto e medio prazo é preciso transmitir garantías sanitarias tanto para as persoas que traballan coma para as que nos visitan, tamén a profesionalización do sector e establecer unha rede de colaboración pública-privada que axude a coordinar accións de promoción para poñer en valor a diversidade da nosa oferta turística”, subliñou. 

Unha idea que foi respaldada polos representantes no foro deste luns, que coincidiron na relevancia de traballar conxuntamente para sentar as bases do novo escenario que se abre para o sector post-Covid-19. No caso da asociación de Vivendas Turísticas, DulcineaAquín puxo riba da mesa que a desestacionalización do turismo é un aspecto co que xa veñen traballando dende hai tempo e que permite manter a actividade durante todo o ano. “Creo que Galicia e Lugo, en particular, é unha oportunidade no panorama actual. A xente está manifestando que quere saír de viaxe e quere ir a lugares onde se garanta a saúde psicolóxica e mental, e esta provincia ten moito que achegar nese aspecto”, subliñou. DulcineaAquínengadiu que “temos expectativas de que podemos salvar a temporada, xullo está máis frouxo en canto a reservas por agora, pero en agosto temos case todo completo, percibimos que as estadías serán máis longas este ano e no canto de reservar por 4 ou 5 días a intención é quedar sobre 10 ou 15 días no mesmo sitio, cremos que para non ter que desprazarse”.

Na mesma liña da desestacionalización falou o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor. “Somos o primeiro destino termal de España, traballamos todo o ano de maneira constante, pero agora levamos 3 meses pechados e vemos necesario que todas as administracións establezan colaboracións para axudar á nosa reactivación como lugar seguro. Precisamos axudas de financiación porque só abriron dous balnearios e non contamos abrir a totalidade de balnearios ata comezos de xullo”. 

Os que comezaron xa a recibir os primeiros clientes foron os aloxamentos rurais. Así o explicou Francisco Xabier Almuíña, representante da Federación Galega do Turismo Rural. “A xente vén concienciada, o turismo rural xa viña traballando cuns niveis de profesionalidade e de calidade moi bos e somos un modelo a seguir pola nosa forma de entender a forma de viaxar”, explicou. “Non só somos un lugar no que hospedarnos, achegamos un valor engadido coas experiencias, un modelo de vida tranquilo, saudable e que traballa polo desenvolvemento do rural”. Almuíña puxo o foco na dixitalización e na importancia de mellorar as conexións da rede e a formación dixital para que as reservas, os pagamentos e a comunicación coa clientela sexan máis fluídas, un aspecto que mellorará a calidade do servizo. 

José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, incidiu non só en ofrecer as garantías sanitarias, senón na relevancia de, a través delas, recuperar a confianza na cidadanía. Amosou, ademais, a súa preocupación polos negocios de proximidade que teñen mercadorías perecedoiras, coma o téxtil ou o calzado. “É estacional, os comerciantes xa o tiñan nos negocios e o ano que vén a moda é outra, temos que seguir traballando para que a sociedade se conciencie de que as vilas sen tendas perden a vida, e os comerciantes teñen que ver a venda online e as redes sociais como oportunidades, non coma desafíos”. Seijas puxo tamén o foco no período de rebaixas, un novo reto que, dixo, cómpre planificar ben para poder desenvolvelo sen problemas de aglomeracións e primando as medidas de seguridade que teñen implantadas. 

Fátima Cachafeiro, da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, trasladou a capacidade do sector de adaptarse ás novas situacións. “Vemos positivismo logo de meses de incerteza, os nosos asociados están formándose para encarar esta nova etapa reforzando aqueles aspectos que son necesarios”. Ademais, trasladou o resultado dunha enquisa que realizaron entre os asociados, onde as conclusións pasaban por reforzar a colaboración, loitar contra o intrusísimo e apostar polas novas tecnoloxías, entre outras. 

Novas xornadas
A través desta programación, a Deputación pretende crear un espazo de debate, de intercambio de opinións e de análise para abordar a reactivación turística da provincia. As xornadasAbrindo as portas: o rexurdir do turismoson unha das accións da campaña EN LUGO, SI que promove a institución provincial para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. Pretenden contribuír a incorporar ferramentas e dinámicas que sirvan para reforzar os valores e fortalezas da provincia de Lugo como destino turístico e para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán.

O último encontro de turismo online seráeste mércores,ás 11:00 horas, e contará coa participación da Deputada de Turismo. Baixo o títuloTraballando por unha hostalería segura, neste espazo de debate intervirán representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), da organización Hostalería de España e da Horeca Data e ProyectoHostelería Segura.