Deputación de Lugo
Turismo

Rábade celebra a primeira edición do Festival Entrepontes co apoio da Deputación de Lugo

RABADE
ENTREPONTES
FESTIVAL
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na presentación desta cita musical que organiza a Asociación Cultural Fillos do Chaira o vindeiro sábado, 13 de maio


A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns na presentación da primeira edición do Festival Entrepontes, en Rábade, organizada pola Asociación Cultural Fillos do Chaira. A Deputación de Lugo apoia esta cita, que se suma ao panorama musical da provincia o vindeiro sábado 13 de maio, cunha achega de 10.000€. 

García Porto felicitou aos organizadores polo “esforzo que fixeron para sacar adiante esta nova actividade, que é gratuíta e que acerca ós veciños de Rábade e ó público en xeral ó bo facer dunha mostra moi variada de grupos galegos”. A tamén voceira socialista do Goberno provincial puxo en valor o festival “porque supón unha aposta polo talento dos músicos galegos, por achegar a actividade cultural ó noso rural e, ademais, porque se converte nun elemento máis de atracción dese turismo de proximidade que potenciamos dende a Deputación”.

“A xente busca actividades que lle axuden a organizar as súas pequenas escapadas de fin de semana e este festival Entrepontes é sen dúbida unha proposta estupenda”, celebrou Pilar García Porto na presentación. No acto estivo acompañada do Alcalde do Concello de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes; o tenente de Alcalde rabadense, Alejandro Martínez Campos, e o presidente da organización, Óscar López.

O festival
Os asistentes poderán desfrutar da música pop, galega, tecno e un repaso aos grandes éxitos dos 80, cun cartel variado e apto para todo tipo de públicos. Durante o sábado soará o músico mariñao Grande Amore, como cabeza de cartel e estarán tamén De Ninghures, A Banda da Balbina e Tercor Societário, entre outros. A entrada é de balde e conta con acampada libre no campo de fútbol para os asistentes.