Deputación de Lugo
Turismo

Máis de 2.650 persoas fixeron esta Semana Santa as rutas fluviais da Deputación pola Ribeira Sacra

turismo
Rutas catamarán
As embarcacións navegaron completas en case todas as viaxes, cun perfil de visitante nacional, sobre todo procedente de Asturias, País Vasco e Madrid, sendo tamén relevante a afluencia de persoas doutros puntos da provincia de Lugo e do resto de Galicia

As persoas interesadas en desfrutar das rutas polos canóns do Sil e do Miño, que continuarán ata final de ano, poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es

Máis de 2.650 persoas fixeron esta Semana Santa as rutas fluviais que a Deputación de Lugo ofrece para descubrir a Ribeira Sacra. Dende o 1 de abril ata este domingo, día 9, os viaxeiros aproveitaron o bo tempo para navegar tanto pola ruta que discorre polo río Miño como polo río Sil. 

Esta cifra supera a doutras temporadas nestes mesmos días festivos. As embarcacións viaxaron completas en case todas as viaxes, con familias e grupos que xa reservaran con anterioridade. 

O perfil predominante do visitante foi nacional, sobre todo procedente de Asturias, País Vasco e Madrid, sendo tamén relevante a afluencia de persoas doutros puntos da provincia de Lugo e do resto de Galicia. Outro dato importante é que para a maioría dos viaxeiros foi a primeira vez que vivía esta experiencia turística.

Unha das novidades foi a inclusión das rutas da Deputación en itinerarios programados por axencias de viaxes.

Boas previsións para a temporada
Os datos evidencian unha boa previsión para o resto deste mes, contando xa cun 70% de ocupación grazas ás reservas feitas. De cara á ponte do 1 de maio, xa quedan moi poucas prazas libres, o que demostra que cada vez máis as viaxes se planifican con máis antelación.

Para o conxunto da temporada, que se prolonga ata o mes de decembro, xa hai máis de 12.000 reservas.  

Reservas, datas e horas
As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionan dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo conta cunha capacidade total de 63 viaxeiros.  

Neste mes de abril, os catamaráns da Deputación navegan de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil, e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.

No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos. 

No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.

Ambas rutas rematarán a tempada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.