A Deputación abre mañá o prazo de reserva de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

A través da páxina web o visitante pode coñecer todos os detalles precisos para programar a súa experiencia en catamarán, consultar tarifas, horarios, modificar a reserva ou consultar información de interese
Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao
A Deputación de Lugo abre mañá o prazo para reservar praza nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra. A compra de billetes para a nova tempada, que arrancará o vindeiro 1 de abril, nas vésperas da Semana Santa, poderá facerse a través da páxina web reservas.rutasembalses.es na que o visitante poderá coñecer todos os detalles das diferentes viaxes. Todas as persoas interesadas en coñecer as paisaxes do sur da provincia a bordo dos catamaráns da institución provincial poden formalizar a súa reserva tamén de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:30 horas, no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196.
O portal habilitado pola Deputación de Lugo ofrece a posibilidade de modificar reservas, coñecer a normativa e estar ao tanto de calquera aviso, actualización ou información precisa para realizar a viaxe. Os usuarios e usuarias poden consultar as tarifas e os prezos reducidos para xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas, así como que os nenos e nenas de ata 3 anos viaxan de balde. Tamén está habilitado un espazo profesional para facilitarlle a xestión ás axencias de viaxes, permitindo que tramiten as súas reservas.
Rutas e horarios
Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.
En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do sábado 1 ao domingo 9, en horario de mañá e de tarde. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas os días festivos: o primeiro luns do mes pola festividade do Traballo e o día 17, con motivo das Letras Galegas.
Na Ruta Canón do Sil en xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, día de Todos os Santos.
No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.
As dúas rutas rematarán a temporada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.