García Porto pon en valor o turismo científico como motor económico da provincia no Outono Xeolóxico
García Porto sinalou que “hai que apostar por un turismo de valor engadido, de experiencias, non masificado, que poña en valor e coide o territorio, contribuíndo ao desenvolvemento económico sostible”
Conferencias sobre a minería aurífera, o glaciarismo, as rochas do xeoparque e a ruta das aldeas Paleozoicas, así como visitas a Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel terán lugar esta fin de semana, o 3 e 4 de outubro e o 21 e 22 de novembro
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este sábado o Outono Xeolóxico nas Montañas do Courel. Trátase da programación de conferencias, xornadas e visitas guiadas que organiza o Xeoparque Montañas do Courel, coa que colabora o organismo provincial cunha achega de 25.000 euros, co fin de continuar impulsando novas iniciativas turísticas vinculadas á ciencia neste espazo natural. García Porto estivo acompañada do Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega, e do presidente do Xeoparque, Roberto Castro.
A temática desta primeira edición versará sobre a minería aurífera, o glaciarismo, as rochas do xeoparque e a ruta das aldeas Paleozoicas. Dita iniciativa celébrase esta fin de semana en Ribas de Sil; o 3 e 4 de outubro en Quiroga; e o 21 e 22 de novembro en Folgoso do Courel.
García Porto sinalou que “hai que apostar por un turismo de valor engadido, de experiencias, non masificado, que poña en valor e coide o territorio, contribuíndo ao desenvolvemento económico sostible. Valores todos sobre os que se sustenta este Outono Xeolóxico e que guían o compromiso da Deputación por impulsar o turismo científico da nosa provincia, procurando avanzar na promoción e valorización do noso patrimonio natural. Este tipo de turismo vencellado á ciencia supón un motor de desenvolvemento económico cun importante efecto multiplicador para os concellos que integran o territorio”.
Neste eido, García Porto explicou que o organismo provincial ten unha aposta clara por reforzar este tipo de turismo fronte á crise da Covid-19, “como demostramos con moi diversas medidas, como a presentación dun plan para optar a fondos do Estado por importe de ata 3M€ co fin de impulsar o xeodestino Ancares-Courel, a colaboración co I Congreso Nacional de Turismo Experiencial, o proxecto de sinalización da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, os Premios Lugo Cambia ou a compra de novas parcelas para crear o Parque Central de Galicia en Antas de Ulla, un espazo público de lecer e natureza”.
Programación durante 3 fines de semana
- Este sábado, en Ribas de Sil: a xornada tivo a temática Ouro, romanos e montañas do Courel. Celebráronse varias charlas e haberá unha saída de campo á minería aurífera do sur do xeoparque, en Sequeiros.
- 3 e 4 de outubro, en Quiroga: o evento xirará arredor do Glaciarismo e vexetación do pasado das nosas montañas. Terán lugar conferencias sobre dita temática e saídas á lagoa da Lucenza e aos ríos xeolóxicos da Seara e Vieiros.
- 21 e 22 de novembro, en Folgoso do Courel: terán lugar os obradoiros formativos sobre As idades xeolóxicas e as rochas do xeoparque. Na primeira xornada realizarase unha saída a Vilarbacú, A Seara e Visuña. Na segunda xornada visitarase Céramo, Froxán e Seceda.