Co Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2024, a Deputación provincial trata de dar resposta ás situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía e responsabilidade (en que e como gastar) mediante a ampliación e flexibilización do seu obxecto, facilitando tamén a planificación da actividade dos respectivos gobernos municipais.

O Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2024 supón unha continuidade da profunda reformulación levada a cabo nos últimos anos, no que atinxe aos instrumentos de cooperación cos municipios, na medida en que a mesma se concentra, basicamente, no Plan Deputación que se distribúe territorialmente con criterios obxectivos, reducindo drasticamente a discrecionalidade na asignación dos fondos provinciais, perfeccionando as políticas de equidade, obxectividade e transparencia nas accións de cooperación cos concellos, sen prexuízo de escoitar e atender necesidades concretas e finalidades comúns por outros sistemas como os convenios interadministrativos.


Ademais preténdese facer un plan dinámico, que poida gozar dunha dotación económica importante, no que os concellos poidan incluír as súas necesidades, e dar resposta así a situacións de necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía e responsabilidade, facilitando a planificación da actividade de cada Concello.


Xunto co anterior, preténdese unha racionalización, simplificación e redución dos instrumentos de colaboración cos municipios que se viñan desenvolvendo mediante liñas de subvención ou achegas, de tal maneira que a colaboración financeira da Deputación cos concellos queda concentrada basicamente neste Plan Deputación de Cooperación cos Concellos.


As axudas destinadas aos programas que non sexa investimentos (programa B1) serán compatibles con outras para a mesma finalidade, tendo en conta que o importe da achega en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, supere o custo da actividade ou actuación. Para estes efectos, o Concello comunicaralle á Deputación a obtención doutras axudas que financien as finalidades incluídas neste Plan.


En aras a unha xestión áxil e eficaz, o programa de investimentos financiados a través deste plan, unicamente serán cofinanciados pola Deputación e o Concello, no seu caso, non admitíndose investimentos con cofinanciación doutras entidades, a fin de que o plan non se vexa afectado por obrigas impostas por entidades que cofinancian as actuacións