A Montaña en familia
No leste da provincia de Lugo, as Montañas dos Ancares e O Courel bríndannos a Galicia máis xenuína. Natureza infinita, pobos de conto e castelos lendarios recíbennos nun lugar onde a distancia propiciou a conservación do seu patrimonio.
Calquera época do ano é boa para coñecer a montaña lucense, pero non podemos negar que o inverno ten o valor engadido da neve. Ata pobos como O Cebreiro e Piornedo achéganse unha multitude de viaxeiros que desexan gozar da verdadeira montaña e dos seus cumios e bucólicos pobos tinguidos de branco.
Neste ambiente resulta fácil imaxinar as dificultades da vida cotiá no medio dos rigores da orografía e o clima nestas aldeas, onde se conserva unha das máis curiosas mostras da arquitectura popular galega: as pallozas, vivendas tradicionais con tellado cónico feito a base de palla de centeo baixo o cal convivían persoas e animais, aproveitando a calor desprendida polo gando e o lume do fogar. Especialmente concibidas para sobrevivir aos duros invernos, as pallozas estiveron habitadas ata os anos 70 e na actualidade algunhas foron recuperadas como museo. É o caso da Palloza do Sesto, en Piornedo, mítico pobo dos Ancares Lucenses onde hoxe tamén se asenta o taller do artesán Fuco; ou a palloza- museo do Cebreiro, punto de entrada do Camiño Francés en Galicia.
Dende O Cebreiro ou dende Piornedo, podemos continuar cara a parroquia de Doiras, no municipio de Cervantes e visitar o seu castelo, onde a tradición sitúa a lenda dunha princesa que por encantamento convértese en cerva.
E no Courel sucédense encantadoras aldeas como Seceda ou Froxán e profundos bosques de castiñeiros que no outono brindan os seus froitos para celebrar os tradicionais magostos, encontros de carácter popular e festivo que poñen de manifesto o carácter alegre e acolledor da xente do rural galego.
Por último, nos municipios situados máis ao norte, como a Fonsagrada, lugar de paso do Camiño Primitivo de Santiago, atopamos interesantes alternativas para descubrir en familia como o Museo Comarcal, a espectacular fervenza de Vilagocende, cunha caída de 50 metros, ou a ruta das seimeiras de Queixoiro. Lugares que farán, sen dúbida, inesquecible o paso por estas terras.