Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente recibiu ao piloto de motos Eduardo Iglesias, que competiu no Rally Dakar 2021 co apoio da Deputación

Rally Dakar
Eduardo Iglesias
José Tomé Roca felicitou este martes na Praza de San Marcos ao deportista monfortino, que rematou por segundo ano a proba

Iglesias portou durante a competición o escudo da Deputación e a imaxe turística da provincia, favorecendo a proxección de Lugo a nivel internacional

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto,  recibiu  este martes na Praza de San Marcos ao piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, quen competiu no Rally Dakar 2021, celebrado a finais de xaneiro, co apoio da institución provincial. O deportista conseguiu acabar a proba por segundo ano consecutivo, situándose nesta edición no posto número 53, e converténdose no único piloto galego en rematar esta proba. 

A institución provincial patrocinou a Eduardo Iglesias na competición celebrada en Arabia Saudita, como xa fixo na primeira participación do piloto. O deportista portou o escudo da Deputación e a imaxe turística da provincia na moto e no uniforme co que competiu, o que supón unha proxección internacional da provincia de primeira orde, pois preto de 200 países emiten o Rally Dakar, reunindo a 5 millóns de espectadores en directo en cada etapa e obtendo 54 millóns de visitas en internet.

Durante a recepción, José Tomé Roca aproveitou a ocasión para felicitar ao piloto monfortino pola súa participación e os seus logros na competición e entregoulle o Dicionario da Comida Galega e unha insignia institucional. Pola súa parte, Eduardo Iglesias fíxolle entrega ao Presidente dunha camiseta e dunha foto da súa participación no Rally Dakar 2021.