Deputación de Lugo
Turismo

Monforte acollerá un curso de especialización en enoturismo que organiza a APEHL grazas á Deputación

enoturismo
Formación
Monforte de Lemos
A acción formativa gratuíta sobre desenvolvemento e xestión de proxectos enoturísticos será impartida polo Instituto Galego do Viño na cidade do Cabe os días 17, 18, 24 e 25 de novembro, e 1 e 2 de decembro

A prazas son limitadas e a inscrición pódese realizar na web www.apehl.org ou no teléfono 982.226.912

A actividade enmárcase no convenio de colaboración a través da cal a institución provincial achega 60.000€ á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería co fin de apoiar ao sector, gravemente afectado pola pandemia

Monforte acollerá entre os meses de novembro e decembro un curso gratuíto de especialización en enoturismo, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) grazas á Deputación de Lugo. Esta actividade formativa enmárcase no convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega 60.000 euros a APEHL para apoiar ao sector, gravemente afectado pola pandemia. 

O curso dedesenvolvemento e xestión de proxectos enoturísticos será impartido polo Instituto Galego do Viño, que dirixe Xoán Cannas, e terá lugar no Centro do Viño de Monforte de Lemos os días 17, 18, 24 e 25 de novembro, e 1 e 2 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas. A prazas son limitadas e a inscrición pódese realizarna web www.apehl.org ou no teléfono 982.226.912.

A colaboración da Deputación coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería ten como obxectivo apoiar e manter a actividade no sector, en concreto, desenvolver actividades de promoción turística e gastronómica de Lugo e tamén para a celebración deste curso de enoturismo, un tipo de actividade que apoia a institución dentro da súa aposta por un turismo de calidade, sostible e de experiencias, que aproveita e pon en valor o patrimonio natural, cultural e gastronómico da provincia.

Programa formativo
Entre os contidos teóricos do curso de especialización en enoturismo destacan a viticultura e a historia do viño e as diferentes tipoloxías da uva, chan e clima. Ademais, capacitarase ao alumnado en aspectos prácticos, como son a elaboración de cartas de viños, a maridaxe, o servizo, e xestión de sala, así como o traballo en adegas, a xestión do negocio, o mercado e as novas tendencias.

Nesta acción formativa o alumnado poderá aprender a crear, desenvolver e xestionar a estratexia de produtos enoturísticos e coñecerá ferramentas de comercialización, de imaxe de marca, comunicación e enomarketing. Complementarase ademais con clases prácticas de catas sensoriais de viños galegos e nacionais das diferentes denominacións de orixe.