Deputación de Lugo
Turismo

As rutas en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación arrancarán con medidas de seguridade o 13 de xuño

catamaráns
rutas fluviais
Ribeira Sacra
A Xunta de Goberno reactivou este venres o encargo a Tragsa para a prestación deste servizo que funcionará ata finais de ano con redución de aforo, flexibilización horaria e protocolos específicos

“Cremos que a posta en marcha deste servizo é unha moi boa noticia para o sector hostaleiro e turístico e para o comercio da nosa provincia porque axudará a reactivar a súa actividade unha vez superada a etapa máis dura da pandemia”, subliña o Presidente

As persoas interesadas poden realizar as súas reservas na web reservas.rutasembalses.es. A institución aconsella facer o pagamento online para evitar o contacto e habilitará información turística para descargar con códigos QR nos embarcadoiros

A sesión de hoxe tamén aprobou o programa de dotación de marquesiñas nos concellos, que instalará 82 destes elementos de mobiliario urbano nos 67 municipios lucenses por valor de 200.000€

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, informou este venres, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, de que a Xunta de Goberno reactivou o encargo á empresa pública Tragsa para a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. As viaxes retómanse con medidas de seguridade a partir do vindeiro sábado 13 de xuño continuarán ata final de ano. O encargo do servizo fora suspendido pola Declaración do Estado de Alarma.

“A posta en marcha deste servizo é unha moi boa noticia para o sector hostaleiro e turístico, e tamén para o comercio da nosa provincia porque axudará a reactivar a súa actividade unha vez superada a etapa máis dura da pandemia”, explicou Tomé Roca en rolda de prensa. Ademais, lembrou que precisamente ese é o principal obxectivo que persegue a campaña EN LUGO, SI que vén de lanzar a Deputación para reactivar o consumo no comercio, a hostalería e o turismo axudando a fortalecer a imaxe da provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, e para pasar as vacacións. 

A titular de Turismo explicou que as embarcacións reducen o seu aforo ao 50% de forma inicial, xa que a institución irán adaptando as medidas seguindo as disposicións que vaian pautando as autoridades sanitarias. Tamén se modifican os horarios das viaxes, prevendo saídas espaciadas para minimizar o número de persoas que estarán de maneira simultánea nos embarcadoiros. No caso do embarcadoiro Ponte do Sil as embarcacións non sairán á vez senón que se ofertarán ata 5 horarios diferentes para poder realizar as viaxes e o límite de aforo fíxase para 26 pasaxeiros nunha e de 53 na outra. No caso de Belesar, poderán viaxar de cada vez 31 pasaxeiros, con flexibilización horaria. 

“Priorizamos a compra de billetes na web reservas.rutasembalses.es, no caso de que se deba facer in situ é preferible que os pagamentos se fagan con tarxeta bancaria, tamén será obrigatorio o uso de máscaras de protección e quedarán habilitados dispensadores de xel hidroalcólico tanto nas instalacións para que se poidan realizar desinfeccións de mans”, explicou García Porto. Así mesmo, o persoal cumprirá protocolos específicos e instalaranse paneis informativos para lembrar todas as medidas de seguridade e habilitarase información turística e a infografía para descargar mediante códigos QR. Entre outras, a Deputada incidiu en que se flexibilizan as condicións de cambio de data ou cancelación, así como para a devolución do importe do billete durante toda a temporada de viaxes. 

“Entre viaxe a viaxe as embarcacións vanse desinfectar co obxectivo de que o risco de contaxio ao realizar unha das rutas que temos programadas sexa o mínimo posible”, explicou a Deputada. 

Reservas 

Coa posta en marcha do servizo de novo, as persoas que tiñan efectuada a súa reserva e tiñan pendente fixar unha data, poden facelo sabendo que o servizo estará en funcionamento ata finais de ano. 

“Dende a área de Turismo querémoslle agradecer ás persoas que fixeron reserva nas rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra a súa confianza, animamos a todas aquelas persoas que non coñezan esta zona, en especial ás da provincia de Lugo e ás doutras provincias galegas cando cambiemos de fase, que reserven as súas viaxes para pasar unha xornada diferente neste lugar que está a un paso de ser declarado Patrimonio da Humanidade e que xa é Ben de Interese Cultural”, subliñou a Deputada. 

García Porto indicou que realizar unha visita en catamarán pola Ribeira Sacra a través do servizo da Deputación “é unha opción de natureza, lonxe de masificacións e pretiño da nosa casa ao que podemos chegar en transporte individual ou colectivo, facer unha viaxe en catamarán pódese combinar  con outras múltiples ofertas de lecer que nos permiten gardar as distancias e seguir descubrindo e redescubrindo novos lugares”.

Horarios Embarcadoiro Ponte do Sil

Xuño (dende o día 13)
Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h

Xullo e agosto
Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h

Setembro 
Do 1 ao 13: Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Do 1 ao 13: Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h
Do 14 ao 30: Embarcación 1 (26 prazas) -> De luns a domingo: 11:00h e 16:00h 
Do 14 ao 30: Embarcación 2 (53 prazas) -> De luns a domingo: 11:30h e 17:30h

Outubro
Embarcación 1 (26 prazas) -> De mércores a domingo e o día 12: 11:00h, 16:00h 
Embarcación 2 (53 prazas) -> De mércores a domingo e o día 12: 11:30h e 16:30h


Horarios Embarcadoiro Belesar

Xuño (dende o día 13)
31prazas -> De mércores a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 

Xullo e agosto
31 prazas -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 

Setembro 
Do 1 ao 20: 31 prazas -> De luns a domingo: 11:00h, 16:00h e 19:15h 
Do 21 ao 30: 31 prazas -> De luns a domingo: 11:30h e 16:30h

Outubro
31 prazas-> Venres, sábado e domingos e o día 12: 11:30h, 16:30h 


Marquesiñas


A Xunta de Goberno tamén lle deu o visto e prace este venres ao programa de dotación de marquesiñas na rede viaria provincial deste ano 2020. A Deputación investirá neste plan 200.000€ para a instalación dun total de 82 marquesiñas nas estradas provinciais dos 67 concellos da provincia.

“Dotaremos a cada concello dun mínimo de unha marquesiña e as restantes repartiranse en función de criterios obxectivos, como o número de quilómetros de vías provinciais que pasan por cada municipio. Os concellos propoñerán 2 posibles ubicacións, sinalando se é para cambiar unha existente ou se é nun punto novo. Unha vez instaladas, serán os encargados do mantemento deste mobiliario urbano”, explicou o Presidente. 

Tomé Roca subliñou que “as marquesiñas son elementos moi relevantes para a realidade da nosa provincia, porque hai que ter en conta que, con máis de 4.200 quilómetros, a rede de estradas da Deputación é a máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta en Lugo; coas marquesiñas melloramos o servizo e a seguridade que ofrecen as vías provinciais a condutores e a peóns, e favorecemos o uso do transporte público e colectivo”.

A Deputación de Lugo comezou no ano 2011 a renovar as marquesiñas das estrada provinciais para substituír as existentes, que tiñan máis de 20 anos. Dende entón instaláronse 332 novas marquesiñas en toda a rede provincial a través deste plan, que desenvolvemos en cooperación cos Concellos.

Nesta Xunta de Goberno, tamén se aprobou a adxudicación do contrato de subministro de gas natural nas dependencias provinciais a través dun acordo marco da central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias. O contrato adxudicouse por un importe máximo de 214.507,46€ e ten un prazo de duración dun, pero poderá ser prorrogado por outros tres. “Segundo nos indican os servizos técnicos, tras estudar e analizar polo miúdo os datos existentes, tanto dos consumos, como dos prezos do gas natural que ata o de agora se viñan pagando, con este contrato estímase un aforro para as arcas provinciais de en torno á  30.000€ ao ano”, indicou Tomé Roca. 

Ademais, esta sesión do Goberno tamén lle deu o visto e prace á resolución do contrato para a construción dun centro residencial no concello da Pobra do Brollón, unha vez que a Deputación recibiu o informe favorable do Consello Consultivo de Galicia ao respecto.