Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación organiza uns encontros de turismo dentro da campaña EN LUGO, SI para favorecer a reactivación do sector

José Tomé Roca
ENLUGOSI
encontros turismo
Presentación encontro turismo
O Presidente, xunto á Deputada de Turismo, presentou as xornadas Abrindo as portas: o rexurdir do turismo,que reunirá ao longo das dúas vindeiras semanas a unha vintena de asociacións de profesionais e empresas, sociedade civil, entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e organismos oficiais con competencias neste ámbito

Tomé Roca: “o obxectivo é escoitar as súas necesidades e as súas perspectivas sobre a reactivación da actividade, facilitar a adaptación con garantías á nova normalidade e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario”

Participarán representantes da Secretaría de Estado de Turismo, a FEGAMP, o Xacobeo, a Mancomunidade da Mariña e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ademais de colectivos como Hostalería de España e a APEHL, e asociacións de turismo activo, guías, albergues, axencias de viaxes, vivendas turísticas, balnearios, turismo rural e comercio.

Celebraranse de maneira telemática os días 8, 10, 11, 15 e 17 de xuño. O acceso é libre e de balde e retransmitiranse en directo na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais. Aconséllase a inscrición en turismo@deputacionlugo.org

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior,  Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentaron este xoves no Salón de Actos de San Marcos os encontrosAbrindo as portas: o rexurdir do turismo, unha nova acción da campaña EN LUGO, SI que a institución puxo en marcha para impulsar o tecido económico provincial na desescalada. 

Tomé Roca explicou que nestes encontros virtuais “reuniremos, en cinco sesións distintas, a representantes dunha vintena de asociacións de profesionais e de empresas, da sociedade civil, de entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e de organismos oficiais con competencias neste ámbito, todos con moito peso no turismo e que, polo tanto, teñen moito que dicir e que achegar”. 

Os foros Abrindo as portas: o rexurdir do turismo servirán para dar e recibir información, pero tamén para analizar, debater e intercambiar opinións. “Teñen como principais obxectivos escoitar as necesidades do sector e as súas perspectivas sobre a reactivación do turismo, facilitar a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector”, subliñou o Presidente. 

A Deputada Pilar García Porto explicou que “o que queremos é facilitarlle todos aqueles recursos que poidan estar nas nosas competencias ao sector. O noso obxectivo é ser útiles e camiñar da man para que emprendamos esta nova etapa coas máximas certezas posibles, asesorados polos expertos axeitados e vendo máis alá da cuestión particular de cadaquen”.

Ademais, engadiu que “aquí imos falar da situación, por exemplo, dos balnearios e vivendas turísticas, pero tamén do Camiño de Santiago ou de comarcas como A Mariña ou a Ribeira Sacra. Cada protagonista dos foros ten un prisma particular co que afrontar o turismo, pero todos teñen diversos puntos de encontro cos que trazar de forma conxunta unha senda pola que camiñar firmes e seguros para acoller aos visitantes e amosarlles o mellor da nosa terra, sen poñer en perigo en ningún caso a seguridade sanitaria que debemos ter presente en cada medida que adoptemos”.

Os encontros celebraranse de maneira telemática ao longo das dúas vindeiras semanas, en concreto, os días 8, 10, 11, 15 e 17 de xuño.“Son foros aos que pode acceder de balde calquera persoa que estea interesada. Aconsellamos que nos envíen un e-mail a turismo@deputacionlugo.orge así indicarémoslles como acceder dun xeito doado”, explica a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.

Retransmitiranse en directo na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais e habilitaranse os comentarios para que o público deixe preguntas e comentarios para as persoas participantes. Haberá un moderador que lerá en directo esas interaccións en liña para enriquecer a conversa, resolver dúbidas e aclarar calquera cuestión.

Turismo sostible
O Presidente remarcou que as liñas de actuación que a nova situación aconsella parao sector coinciden, en boa medida, co traballo que xa viña facendo a Deputación. “Sempre apostamos por un turismo sostible e non masificado, baseado no contacto co medio ambiente e respectuoso con el, que potencia a enogastronomía, a cultura local e os valores propios de comarcas con personalidade propia como A Mariña, A Chaira ou a Ribeira Sacra”.

Así mesmo, Tomé Roca explicou que a filosofía do turismo que virá á provincia seguirá sendo a mesma. “A xente que nos visitaba antes da crise, viña a Lugo buscando paisaxes naturais non masificados, conxuntos etnoculturais diferenciados, unha gastronomía cada vez máis valorada e, por suposto, a profesionalidade do sector hostaleiro e turística, e iso non vai cambiar e nós debemos seguir reforzando estes aspectos que son o noso sinal de identidade”. 

Os encontros do sector organizados pola Deputación, subliñou o Presidente, “contribuirán a incorporar ferramentas e dinámicas que servirán para reforzar eses valores e esas fortalezas da nosa provincia como destino turístico, e servirán tamén para afrontar con garantías a chegada de visitantes neste verán”.

Programación

Luns, 8 de xuño de 2020 (11:00 horas):
Sostibilidade e confianza, claves para reactivar o turismo

  • Dna. Pilar García Porto. Deputada- Delegada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo.
  • D. Ricardo Blanco Portillo. Xefe de Área de Turismo Sostible. Secretaría de Estado de Turismo.

Retransmitirase por Youtube en directo na seguinte ligazón: https://youtu.be/Woo3L6ypYn0

Mércores, 10 de xuño de 2020 (11:00 horas):
Diálogo con representantes de colectivos empresariais I

  • Dna. Pilar García Porto. Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo.
  • D. Miguel Ángel Rodríguez Aira. Presidente da Asociación Galega de Albergues Privados -AGALBER-.
  • D. Juan Antonio Ribadulla Fernández. Presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes – AGAVI-.
  • D. Agustín Rico Ferreiro. Presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e de Natureza – AGETAN-.
  • D. Cheché Real. Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo -APEHL-.
  • Dna. Beatriz Pérez Pereira. Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia -APIT GALICIA-.

Retransmitirase por Youtube en directo na seguinteligazón: https://youtu.be/PV8Jg97CT6E

Xoves, 11 de xuño de 2020 (11:00 horas):
Diálogo con representantes de institucións, entes de xestión e promoción e sociedade civil

  • Dna. Pilar García Porto. Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo.
  • Dna. Lara Méndez López. Alcaldesa do Concello de Lugo.
  • D. Luis Fernández Guitián. Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
  • D. Alberto Varela Paz. Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.
  • D. Francisco Cajoto Caserío. Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.
  • Dna. Cecilia Pereira Marimón. Conselleira- Delegada da S.A. do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021.
  • D. Jesús Vázquez Varela. Presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti.
  • D. Manuel López Vázquez. Presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago.

Retransmitirase por Youtube en directo naseguinte ligazón: https://youtu.be/cuFjDdhAEg0

Luns, 15 de xuño de 2020 (11:00 horas):
Diálogo con representantes de colectivos empresariais II

  • Dna. Pilar García Porto. Deputada- Delegada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo
  • Dna. Dulcinea Aguín Pombo. Presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia -AVITURGA-.
  • D. Benigno Amor Barreiro. Xerente da Asociación de Balnearios de Galicia.
  • D. José María Seijas López. Presidente da Federación Galega de Comercio.
  • D. Francisco Xabier Almuíña Chorén. Federación Galega de Turismo Rural.
  • Dna. Fátima Cachafeiro Blanco. Presidenta da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia- PROTURGA-.

Retransmitirase por Youtube en directo na seguinte ligazón: https://youtu.be/h3Cw5CQxuMw

Mércores, 17 de xuño de 2020 (11:00 horas):
Traballando por unha hostalería segura
Interveñen:

  • Dna. Pilar García Porto. Deputada- Delegada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo.
  • D. Cheché Real. Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo- APEHL-
  • D. José Luis Yzuel. Presidente de Hostelería de España.
  • D. David Domínguez. Director de HORECA DATA e PROYECTO HOSTELERÍA SEGURA

Retransmitirase por Youtube en directo na seguinte ligazón: https://youtu.be/SJUMQO7mLko