Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación recibiu xa 5.000 reservas para a nova tempada de rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que activará o 4 de abril

catamaráns
Ribeira Sacra
A Deputación de Lugo recibiu xa 5.000 reservas para a nova tempada de rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que activará o 4 de abril
A Xunta de Goberno aprobou o encargo á empresa públicaTragsada prestación deste servizo turístico, que vive un “aumento continuo de viaxeiros” e“xera un efecto multiplicador na provincia en termos de pernoitas, de consumo no sector hostaleiro e comercial, e supón un incentivo para a iniciativa privada en xeral”, subliñou o Presidente

A ruta Cabo do Mundo reforzarase cun informador turístico no embarcadoiro durante os meses de maior afluencia de viaxeiros para mellorar a promoción e a atención

A plantilla estará formada por unha vintena de traballadores, catro máis que no 2019, pois refórzase a coordinación e dirección en aras dun servizo máis eficiente e de calidade

Tragsa aportará sistemas de accesibilidade -unha orugasalvaescaleiras, un cinto para a suxeción de cadeiras de rodas e unha rampla móbil- e de mellora ambiental –un sistema de bombeo dos depósitos de augas residuais en cada embarcación do Sil-, que pasarán a ser propiedade da Deputación unha vez finalizado o encargo

O Executivo aprobou tamén hoxe a resolución do contrato de limpeza de dependencias provinciais polo impago de salarios da empresa adxudicataria, e o seu encargo provisional a Tragsa coa subrogación dos 32 traballadores mentres non se aproba unha nova adxudicación

O Presidente da Deputación, José Tomé, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou encargar á empresa pública Tragsa a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra durante a tempada deste ano 2020 por un importe económico de 600.769,48€.

Dende a apertura do prazo de reservas, a principios de xaneiro, a Deputación recibiu preto de 5.000 para a nova tempada, que se poñerá en marcha o sábado 4 de abril, é dicir, na fin de semana anterior á Semana Santa, “co obxectivo de aproveitar o tirón de visitantes destas datas festivas para promoción turística da provincia”, explicou José Tomé.

Como en anos anteriores, as viaxes continuarán ata a ponte da Constitución, a principios de decembro, adaptándose o servizo nos últimos días da tempada á demanda de reservas.

A Deputación de Lugo volve a apostar así “por ofrecer este servizo turístico de calidade que xera un efecto multiplicador na provincia de Lugo en xeral, e na Ribeira Sacra en particular, en termos de pernoitas e de consumo no sector hostaleiro e comercial, sendo un incentivo para a iniciativa privada en xeral”, subliñou o Presidente, quen asegurou que as rutas fluviais en catamarán “contribúen deste xeito ó desenvolvemento económico da provincia a través do turismo e, singularmente, á proxección do territorio da Ribeira Sacra, favorecendo tamén a candidatura a Patrimonio da Humanidade”.

Canón do Sil e Cabo do Mundo
Neste tempada mantéñense as dúas rutas que se viñan ofrecendo:

- A Ruta Fluvial do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte do Sil, no concello de Monforte de Lemos, na estrada que vai a Castro Caldelas. Unha travesía de dúas horas de duración que transcorre bordeando os municipios de Monforte, Sober, Castro Caldelas, Teixeira e Parada de Sil. Nesta ruta operarán dúas embarcacións que suman en total unha capacidade de 159 prazas: 107 no catamarán Mencía e 52, no monocasco Canón do Sil. O embarcadoiro de Ponte do Sil conta cunha oficina de información turística e con despacho de billetes. No Club Fluvial deste embarcadoiro a Deputación instalará unha depuradora de auga de oxidación con capacidade para 30 usuarios, unhas obras nas que o orzamento de licitación é de 23.000€ e que agora mesmo se atopan en trámite de solicitude de permisos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Unha vez se obteñan os permisos, estes traballos quedarían rematados nun prazo de 2 semanas e será despois cando se saque a concurso a prestación deste servizo. 

- A Ruta Fluvial Cabo do Mundo, que parte do embarcadoiro de Belesar para facer unha travesía tamén de dúas horas bordeando os municipios do Saviñao, Pantón e Chantada. Aquí opera un catamarán con capacidade para 72 viaxeiros e dispón dunha caseta de madeira para o seu uso como oficina de información e venda de billetes. Este servizo verase reforzado esta tempada cun informador turístico no embarcadoiro durante os meses de maior afluencia de viaxeiros: xullo, agosto e setembro, para mellorar a promoción e a atención.

O cadro de persoal que atenderá o servizo de rutas fluviais estará formada por unha vintena de traballadores, catro máis que no contrato de 2019, porque se reforza a coordinación e dirección en aras da prestación dun servizo máis eficiente e de calidade. 

En virtude deste encargo, a empresa pública Tragsa aportará sistemas de accesibilidade, como unha oruga salva escaleiras para salvar a pendente do pantalán de Ponte do Sil cando esta sexa elevada e en función do nivel do enconro, e un cinto para asegurar a suxección nas cadeiras de rodas, ademais dunha rampa móbil por embarcadoiro para facilitar o acceso do pantalán ás embarcacións cando sexa necesario. 

Tamén deberá aportar un sistema de bombeo dos depósitos de augas residuais en cada embarcación do Sil, o que supón unha mellora significativa no eido ambiental. 

Estes equipamentos –a oruga salva escaleiras, a rampla móbil e o sistema de bombeo- pasará a ser propiedade da Deputación unha vez finalizado o encargo, “co que poderá utilizala posteriormente para o servizo reducindo así o custe de futuros contratos”, sinalou José Tomé.

20 viaxes extraordinarias, sen coste adicional
Así mesmo, segundo detallou o Presidente, nesta tempada poderanse realizar 20 viaxes extraordinarias, sen custe adicional, en calquera dos embarcadoiros, “o que nos permitirá responder con eficacia e axilidade á demanda que se poida producir, sobre todo nos meses de maior afluencia”.

As rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra experimentan dende hai anos un aumento continuo de viaxeiros. No 2019 a subida foi dun 5%, co que o número total de pasaxeiros ascendeu a preto de 62.000 persoas, e a día de hoxe xa son preto de 5.000 as reservas feitas para facer unha viaxe na tempada que arrancará o 4 de abril.

“Confiamos en que con este encargo que hoxe aprobamos á empresa pública Tragsa se manteña esa tendencia a alza porque iso supoñerá un maior impacto económico na zona e en toda a provincia”, asegurou José Tomé.

Contrato de limpeza
Tal e como xa avanzou onte o Presidente á plantilla do servizo de limpeza de dependencias provinciais, a Xunta de Goberno aprobou tamén a resolución deste contrato coa empresa Tempo Facility Services SL, debido ao incumprimento de obrigas esenciais como o abono de salarios, e o encargo provisional a Tragsa coa subrogación dos 32 traballadores mentres non se aproba unha nova adxudicación. A duración prevista da encomenda é, deste xeito, de 6 meses, por un importe económico de 404.336,14€.

Estas decisións aseguran a prestación do servizo e os dereitos salariais e laborais da plantilla. A resolución do contrato terá efectos dende o 11 de marzo e o encargo a Tragsa terá vigor dende o día 12.

A Deputación mediou coa adxudicataria para acordar unha cesión de crédito ás traballadoras, de xeito que o importe das facturas abonadas pola Deputación polo servizo van directamente para as empregadas, na cantidade correspondente ós seus salarios.Con este mecanismo, non só cobraron as dúas nóminas de 2019 e a paga extra de decembro pendentes, senón que onte mesmo lles foi ingresado o importe do soldo de xaneiro e os servizos técnicos están a facer a tramitación para que perciban o de febreiro, e quede normalizada así a súa situación salarial.

Concesión de axudas ao sector primario
A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a concesión das axudas do programa de apoio ao sector primario para a posta en produción de terras abandonadas aos 76 solicitantes que cumpriron os requisitos. Para poder chegar a cubrir todas as peticións a Deputación ampliou o crédito deste programa na cantidade de 42.540 euros, ascendendo polo tanto o orzamento total destinado a esta liña de axudas a 142.540 euros, con cargo á aplicación orzamentaria para o ano 2020.

Vídeoactas dos plenos
Outro dos asuntos acordados na Xunta de Goberno deste venres foi a licitación do contrato de subministro e implantación dun sistema de gravación de plenos e actas dixitais cun orzamento de 61.000 euros.

Este sistema tecnolóxico supoñerá unha mellora moi importante na eficiencia do servizo de Actas, pois a día de hoxe a transcripción dos plenos faise á man, o que supón un traballo complexo que esixe moitas horas de traballo. Con esta ferramenta, as sesión plenarias quedarán automaticamente rexistradas en vídeo, que terá validez como acta, un sistema denominado vídeoacta.

Ademais, este sistema supoñerá unha mellora da transparencia e da accesibilidade, pois a cidadanía poderá visualizar o contido íntegro de calquera dos plenos dende a páxina web da Deputación.