Deputación de Lugo
Turismo

A provincia terá proxección internacional a través da serie O Sabor das Margaridas grazas á Deputación

turismo
audiovisual
A provincia de Lugo terá proxección internacional a través da serie O Sabor das Margaridas grazas á Deputación
O Presidente, que recibiu en San Marcos a unha ampla representación do equipo de creación e rodaxe da serie, subliñou que colaborar con esta produción de éxito mundial emitida na plataforma Netflix “é un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo”

A segunda tempada de O Sabor das Margaridas, subtitulada en máis de 30 idiomas, inclúe seis episodios rodados en varias localizacións da provincia de Lugo, como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai ou a capital lucense

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, anunciou este xoves que a institución impulsa a proxección internacional da provincia colaborando economicamente coa produción da segunda tempada de O Sabor das Margaridas, a primeira serie galega incorporada á plataforma audiovisual Netflix.

Tomé Roca, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, recibiu este xoves en San Marcos a unha ampla representación do equipo de creación e rodaxe desta ficción galega de éxito mundial, que foi traducida a máis de 30 idiomas e que na súa segunda tempada ten a provincia de Lugo como protagonista, pois ten como escenario paraxes lucenses como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense.

O Presidente subliñou deste xeito que colaborar con O Sabor das Margaridas, da produtora galega CTV, supón unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia. “É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo, de chegar aos demais. Estou convencido de que ingleses e irlandeses, que situaron O Sabor das Margaridas como unha das súas series favoritas en Netflix, terán grazas a esta ficción máis motivos para querer coñecer a provincia de Lugo e para vir a visitarnos”, asegurou José Tomé.

O equipo da serie que participou na recepción e na rolda de prensa aos medios estivo formado por Ghaleb Jaber Martínez, produtor executivo, creador e guionista; Concha Fontenla, directora de produción; Eligio Montero e Raquel Arias, guionistas; Antonio Pereira, director de arte; Santi Prego e David Seijo, actores; e Ana Ferreirós, responsable de relacións institucionais.

O Presidente puxo en valor o apoio da Deputación á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque “apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.

Pola súa banda, o produtor executivo de O Sabor das Margaridas agradeceu á Deputación “a aposta polo audiovisual como medio de visibilizar unha terra”. “Estades facendo un bo traballo ao servir de lanzadeira para o audiovisual galego. O audiovisual galego, feito en galego, é importante para a nosa terra, porque fomenta unha industria económica, lingüística e cultural”, dixo GhalebJaber.

A nova tempada deste proxecto audiovisual contén seis episodios de 70 minutos con escenas rodadas en varias localizacións da provincia de Lugo como son o Miradoiro do Duque na Ribeira Sacra ou o Pazo de Adai do Corgo, entre outras. Este thriller policial e de misterio, rodado en Galicia, situouse no top 10 da popularidade oficial de Netflix ao converterse na sétima serie de fala non inglesa máis vista no Reino Unido e Irlanda desta plataforma xigante do streaming.

Unha vez finalizada a rodaxe, agora está en marcha o proceso de montaxe. Esta ficción galega ambientada nunha vila do interior de Galicia, está producida pola produtora audiovisual galega CTV. O reparto está formado por María Mera, Santi Prego, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz e David Seijo. O Sabor das margaridas recibiu o premio á Mellor Serie de Televisión nos XVII Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. Esta produción tamén cumpriu o fito de ser a primeira serie en galego incluída no catálogo de Netflix.