Deputación de Lugo
Turismo

Os máis pequenos, protagonistas no Día Mundial do Turismo

Pilar García Porto
Ribeira Sacra
Xeoparque
Ribas de Sil
Miguel Ángel Sotuela
Celebración Día do Turismo
A Deputación conmemorou esta mañá a cita facendo un percorrido polo Xeoparque Montañas do Courel, como símbolo de recoñecemento ás actuacións exemplares desenvolvidas nos últimos anos para lograr que fose distinguido pola Unesco

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañou a un grupo de corenta escolares do CEIP Ribas de Sil que fixeron a pé un treito da Ruta da Cubela, seguindo as explicacións e referencias do arqueólogo Iván Álvarez Merayo

A Deputación de Lugo conmemorou esta mañá o Día Mundial do Turismo  no Xeoparque Montañas do Courel, cunha actividade dirixida aos escolares do CEIP San Clodio, de Ribas de Sil. A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañada polo alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e diferentes membros da Corporación local, percorreron xunto aos escolares e os seus profesores un pequeno treito da Ruta da Cubela. 

A iniciativa presentouse como unha mostra do importante que é promover as posibilidades educativas do patrimonio e impulsar que os rapaces e rapazas coñezan en profundidade o espazo natural no que viven. García Porto sinalou que “precisamente escollemos vir aquí, ao Xeoparque Montañas do Courel, como mostra de recoñecemento das actuacións exemplares desenvolvidas en materia de Turismo neste enclave nos últimos anos, e ensinarlle aos máis pequenos como se debe actuar para ser referente en todo o mundo”, puntualizou a titular de Promoción do Territorio e Turismo. 

Os rapaces recibiron, como agasallo da Deputación, unha mochila institucional con material, e o caderno Coloreando a provincia de Lugo, editado pola institución provincial, co obxectivo de que coñezan dun xeito máis dinámico as potencialidades turísticas do territorio lucense. Trátase dunha obra de Paula Mayor que permite facer un percorrido polos diferentes activos patrimoniais, culturais e turísticos a través de preto de 60 ilustracións.

Durante a actividade, os pequenos camiñantes recibiron explicacións e indicacións do arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que lles explicou curiosidades sobre a minería romana, a vexetación, a arquitectura tradicional e sobre todo descubriulles os feitos que levaron ao Xeoparque -que integran os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel-  a lograr a distinción que lle outorgou a Unesco. 

Liña estratéxica
A Ribeira Sacra é un destino cada vez máis atractivo para os visitantes, pero non é o único xa que nos últimos anos percíbese un incremento nas cifras turísticas no conxunto da provincia. Lugo ten un territorio amplo, que conta cunha oferta moi variada e, por iso, “ten capacidade para absorber o forte incremento que vén experimentando nos últimos anos, sen que por iso se vexa minguada a calidade dos recursos”, sinala a deputada de Promoción do territorio e Turismo, Pilar García Porto. 

“No Xeoparque do Courel vemos un exemplo do bo facer. E nesa liña o goberno da Deputación quere continuar traballando tamén noutras comarcas para a riqueza turística que posuímos nos 67 concellos de Lugo”, engade.  “Temos que aproveitar o tirón e a boa saúde da que goza o noso turismo para seguir avanzando, xa que se xeran oportunidades que supoñen unha potente ferramenta para fixar poboación no medio rural e combater a emigración cara outros territorios”, puntualiza. 
 

Celebración Día do Turismo