Deputación de Lugo
Turismo

Novos proxectos impulsan os Ancares e Courel como destino de turismo científico

Turismo científico
Ancares
Courel
I Xornada de Turismo Científico
A Deputación presentou as novas actuacións para promover o turismo científico nos Ancares e Courel: unha nova guía, 5 itinerarios sinalizados, un vídeo promocional, unhas xornadas e un grupo de traballo profesional

A I Xornada de Turismo Científico será o 6 de xullo en Seoane do Courel. A inscrición está aberta desde hoxe en cursos.deputacionlugo.org/turismo2

Formarase un grupo de traballo profesional para deseñar novas medidas de impulso a estes espazos naturais certificados recentemente coa certificación Espazo Observer Turismo Científico

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, presentou as liñas de acción nas que está a traballar a Deputación para continuar impulsando as Montañas dos Ancares e Courel como destino de turismo científico. Fíxoo acompañado da Directora de Observer Science Tourism, Maite Vence Fernández, e do botánico Roi Carballal, este mércores, no Salón de actos do Pazo de San Marcos.

No marco deste proxecto para crear un ecosistema integrado de turismo científico iniciado no 2011, o vindeiro 6 de xullo, celebrarase a I Xornada de Turismo Científico, aberta ao público en xeral, e que inclúe tamén un obradoiro de creatividade e modelos de negocio para dinamizar proxectos empresariais turísticos nestes espazos naturais. A inscrición neste encontro está aberta desde hoxe en: cursos.deputacionlugo.org/turismo2

Vidal Baamonde subliñou que “na Deputación continuamos promovendo iniciativas para fomentar un turismo sostible nas Montañas de Ancares e Courel. Os visitantes que se acheguen a estes espazos naturais da provincia contarán cunha guía con 50 puntos de interese e cinco itinerarios sinalizados de diferentes temáticas: Xeoloxía, Botánica, Ecoloxía, Zooloxía e Arqueoloxía. Con estas ferramentas poderán percorrer e descubrir os recursos científicos, naturais e culturais desta zona da provincia de Lugo”.

Para a difusión deste proxecto e fomentar un turismo sostible nesta zona da provincia de Lugo, presentouse o novo vídeo promocional “Turismo Científico: Montañas de Ancares e Courel, Destino de Turismo Científico” que amosa imaxes dos lugares máis idóneos para a práctica deste tipo de turismo.

Coa finalidade de contar cun grupo de profesionais que aporten información relevante para deseñar novas medidas que promovan unha rede de turismo científico nestes espazos naturais da provincia crearase tamén un grupo de traballo formado por profesionais, institucións e colectivos que traballen en proxectos ligados ao turismo científico. Reunirase en dúas ocasións, a primeira será o 6 de xullo e coincidirá coa celebración da I Xornada de Turismo Científico que terá lugar en Seoane do Courel.

Guía de Turismo Científico e 5 itinerarios temáticos sinalizados
Para percorrer e coñecer os recursos científicos, naturais, culturais máis relevantes deste territorio publicarase, proximamente, unha nova Guía de Turismo Científico en formato dixital cunha selección de 50 puntos de interese nas Montañas de Ancares e Courel. Tamén se crearán 5 itinerarios temáticos diferentes sobre Xeoloxía, Botánica, Ecoloxía, Zooloxía e Arqueoloxía que estarán sinalados no terreo con paneis explicativos e cunha sinalización con códigos QR e NFC (Tecnoloxía sen fíos de curto alcance) que permitirá aos visitantes obter información a través do móbil. Toda esta información estará dispoñible nunha web e poderá descargarse de forma sinxela a través dunha APP. Ademais, estes roteiros integraranse nun proxecto de Ciencia cidadá que serán tamén publicados noutras dúas plataformas especializadas en achegar a ciencia, biodiversidade e os espazos naturais á cidadanía como biodiversidade.eu  

Ancares e Courel, Espazo Observer Turismo Científico
As montañas dos Ancares e Courel recibiron recentemente a certificación Espazo Observer Turismo Científico que avala o potencial deste territorio como reserva científica grazas a un proxecto impulsado polo organismo provincial en agosto de 2018. Este distintivo permitirá desenvolver unha estratexia con preto de 10 accións a desenvolver ata agosto de 2019, para impulsar estes recursos naturais e facer divulgación científica.

Este tipo de turismo vencellado á ciencia supón un motor de desenvolvemento económico cun importante efecto multiplicador para os concellos que integran o territorio. O mes pasado a Deputación organizou formación específica e gratuíta para capacitar a 23 profesionais como  Guías Observer de Turismo Científico. Tamén se puxo en marcha un exitoso programa de actividades para todos os públicos de visitas guiadas que esgotou as prazas en menos de 24 horas.

Programa da I Xornada de Turismo Científico
A primeira xornada de turismo científico será o 6 de xullo de 2019 na Estación Científica do Courel en Seoane. Hai 35 prazas dispoñibles. As persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe e ata esgotar prazas en: cursos.deputacionlugo.org/turismo2

SESIÓN DE MAÑÁ (Para todos os públicos)

11:30 -12:00 horas. Presentación da Xornada
12.00 -12:20 horas. O papel da Estación Científica no modelo de Turismo Científico Ancares- Courel. Antonio Rigueiro, Director da Estación Científica do Courel (USC).
12:20 -12:40 horas. A micoloxía como recurso turístico. Julián Alonso, Veterinario e Investigador científico (USC).
12.40 -13:00 horas. Árbores senlleiras do Courel e demais recursos botánicos. Gaspar Bernárdez Villegas, Enxeñeiro de Montes e Investigador científico (USC).
13.00 -13:20 horas. Pausa-Café
13:20 -13:40 horas. A recuperación do oso pardo e o Turismo Científico nas Montañas de Ancares e Courel. Óscar Rivas López, Asociación Galega de Custodia do Territorio.
13:40 -14:00 horas. A ciencia cidadá como forma participativa de Turismo Científico. Maite Vence Fernández de ObserverScienceTourism.com

SESIÓN DE TARDE (Aberta ao público en xeral, pero especialmente dirixida a empresas do sector turístico que queiran desenvolver a súa actividade nas montañas de Ancares e Courel: axencias de viaxe, hoteis, empresas de actividades, restaurantes e  profesionais do sector)  

16:00-19:00 horas. Obradoiro de Creatividade e modelos de negocio para a dinamización de proxectos empresariais vinculados ao Turismo Científico
O obxectivo deste obradoiro é dinamizar a contorna local e promover o espírito emprendedor das persoas participantes potenciando a súa creatividade e aproximando conceptos vinculados ao deseño de novos modelos de negocio no ámbito do Turismo Científico. Explicaranse ferramentas para a xestión da creatividade e o pensamento creativo e modelos de negocio asociados á dinamización do rural. Complementarase con actividades prácticas e exemplos de boas prácticas.

 

I Xornada de Turismo Científico