Deputación de Lugo
Turismo

Últimos días para que hostaleiros lucenses se inscriban nas Exaltacións Gastronómicas ...E para Comer Lugo

turismo
gastronomía
Eduardo Vidal Baamonde
Imaxe deputación de lugo
- Este mércores día 13 remata o prazo para inscribirse. Os interesados deberán estar anotados no Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas (REAT)
- As Exaltacións Gastronómicas comezarán en abril e estenderanse ata novembro, co obxectivo de converterse nunha cita anual. Terán unha duración de 10 días cada unha
- Outro dos obxectivos das xornadas é a desestacionalización do consumo destes produtos coa fin de darlles continuidade fóra das épocas de produción

Este mércores día 13 conclúe prazo de inscrición para os hostaleiros da provincia que queiran participar nas Exaltacións gastronómicas ...E Para Comer Lugo, organizadas pola Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo (APEHL), coa promoción do Goberno da Deputación. Poden participar todos os locais de hostalería da provincia de Lugo interesados que estean inscritos no  Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT), enchendo o formulario que atoparán nas oficinas da APEHL.

Esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor calidade da gastronomía lucense a través da degustación de produtos acreditados cos selos de Indicación Xeográfica Protexida, de Denominación de Orixe, e de Raza Autóctona con selo de calidade que teñan representación na provincia. 

O propósito destas xornadas de Exaltación Gastronómica é darlles continuidade no tempo e conseguir que se trate dunha cita anual para dinamizar o sector servizos e desestacionalizar o consumo dos produtos coa fin de darlles continuidade fóra das épocas de produción.

Calendario
As Exaltacións Gastronómicas ...E Para Comer Lugo comezarán o vindeiro 19 de abril e cada unha terá unha duración de 10 días, comezando en venres e estendéndose ata o último domingo de cada mes. A derradeira xornada do 2019 será en novembro. 

Os locais de hostalería inscritos deberán participar en todas as xornadas de Exaltación, salvo previa comunicación de período vacacional ou de descanso.  Incluirán súas cartas nas pratos que conteñan os alimentos seleccionados en cada mes:

-    Do 19 ao 28 de abril: Exaltación da faba de Lourenzá, da pescada do pincho de Burela e do queixo Arzúa-Ulloa.
-    Do 17 ao 26 de maio: exaltación da carne de tenreira galega suprema raza rubia galega, dos grelos de galicia e do queixo do Cebreiro.
-    Do 21 ao 30 de xuño: exaltación da pescada do pincho de Burela, do cordeiro de raza ovella galega e das castañas de Galicia.
-    Do 19 ao 28 de xullo: Exaltación do bonito de Burela, do lacón galego e dos pementos de Mougán.
-    Do 16 ao 25 de agosto: Exaltación do bonito de Burela, das castañas de Galicia e dos pementos de Mougán.
-    Do 20 ao 29 de setembro: Exaltación da carne de porco celta, dos grelos de Galicia, das patacas de Galicia e do mel de Galicia.
-    Do 18 ao 29 de outubro: Exaltación das fabas de Lourenzá, da carne de tenreira galega, do queixo San Simón da Costa e da mel de Galicia.
-    Do 15 ao 24 de novembro: Exaltación dos produtos da raza de Mos (incluíndo os ovos), dos grelos de Galicia, da pataca de Galicia e do queixo de tetilla.

Todas as exaltacións estarán acompañadas de viño Ribeira Sacra, Galletas Daveiga, pan da provincia de Lugo (AFAPAN) e Augardentes E Licores Tradicionais De Galicia.