Deputación de Lugo
Turismo

O Goberno da Deputación colabora na promoción turística do Incio cunha achega de 3.300 euros

turismo
O Incio
Eduardo Vidal Baamonde
o incio
- Estes fondos permitiron a edición de 750 postais, 5.000 salvamanteis e 4.000 marcapáxinas con 4 ilustracións diferentes: o mamut prehistórico, San Eufrasio, Julia Espín e as Danzas de Cervela; cos que promover o patrimonio cultural da vila
- O Concello distribuirá todo este material turístico entre restaurantes, hoteis, casas rurais e demais negocios de hostalería da vila para que sexa repartido entre os seus clientes e poidan levalo de lembranza, así como para atraer a novos visitantes
- Eduardo Vidal subliñou que “son poucas as persoas que coñecen que aquí no Incio atopáronse os únicos restos, en Galicia, do animal prehistórico do Mamut. Con este novo material queremos difundir este importante recurso turístico da provincia lucense”

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, presentaron este luns o novo material de difusión turística do municipio lucense financiado cunha achega do Executivo Provincial de 3.300 euros. Estes fondos permitiron a elaboración de 750 postais, 5.000 salvamanteis e 4.000 marcapáxinas con 4 ilustracións diferentes, cos que promover a riqueza paisaxística e cultural do Incio. O Concello distribuirá todo este material turístico entre restaurantes, hoteis, casas rurais e demais negocios de hostalería da vila para que sexa repartido entre os seus clientes e poidan levalo de lembranza.

No novo material turístico promocional empregouse a imaxe dun mamut dado que neste concello atopáronse, en 1961, os únicos restos deste animal prehistórico que foron descubertos en Galicia. O mamut do Incio comeza a ser xa un símbolo turístico do municipio e con esta iniciativa búscase consolidalo para atraer máis visitantes.

Eduardo Vidal subliñou que “son poucas as persoas que coñecen que aquí no Incio atopáronse os únicos restos, en Galicia, do animal prehistórico do Mamut. Con este novo material queremos difundir este importante recurso turístico da provincia lucense”.

Xunto co mamut prehistórico, San Eufrasio; Julia Espín, a musa de Bécquer; e as Danzas de Cervela, son as catro imaxes escollidas e que se estamparon nos 4.000 marcapáxinas editados polo Goberno da Deputación.

O mamut do Incio
Os restos do mamut foron descubertos, no 1961, na canteira de Buxán (O Incio). Neste lugar atoparon un molar e parte doutro e tamén osos. Son os únicos restos deste animal prehistórico que foron descubertos en Galicia. Aínda que non están datados, a súa antigüidade estímase que pode estar entre os 150.000 e 20.000 anos, desde que chegaron os mamuts á península ibérica e ata que desapareceron dela.

San Eufrasio
San Eufrasio, en honor ao Santuario histórico, ubicado na parroquia de Santa María do Mao desta localidade ao cal acoden moitos turistas e incluso peregrinos que se desvían do Camiño Francés. Segundo a tradición, san Eufrasio foi un dos chamados sete varóns apostólicos que trasladaron o corpo de Santiago Apóstolo ata o seu sepulcro en Compostela.

Julia Espín, a musa de Bécquer
Julia Espín, foi a musa do célebre poeta romántico Gustavo Adolfo Bécquer, que o inspirou para escribir as súas Rimas. A relación desta muller co Concello do Incio debeuse ao seu matrimonio co enxeñeiro e político Benigno Quiroga Ballesteros, que tiña raíces familiares no municipio. O pazo dos Quiroga, cerca da igrexa, foi a súa residencia de verán. Tamén foi enterrada no panteón da familia Quiroga, situado xunto á igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital.

As danzas de Cervela
Os Danzantes de Cervela da parroquia de San Cristovo de Cervela é un espectáculo de gran colorido e de interese etnográfico, cuxo orixe pode remontarse a más de cinco séculos. Vestidos con traxes moi coloridos, sombreiros e arcos adornados con flores, unha vez ao ano, bailan para celebrar as festas patronais de Santa Lucía.