Deputación de Lugo
Turismo

A Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova suporá un retorno económico de 200.000 euros

A Pontenova
Feira de Artesanía e Antigüidades
A Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova suporá un retorno económico de 200.000 euros
Do 6 ao 9 de decembro, exporanse na Praza dos Fornos máis de 1 millón de pezas antigas, como mobles, obras de colección, discos, libros, xoias, entre outros obxectos

Campos Conde subliñou que “esta cita contribúe a impulsar o crecemento económico do municipio, ao tempo que mantén viva a tradición tan arraigada dos oficios tradicionais e anticuarios, precisamente pola gran promoción que reporta esta feira”

No obradoiro de forxa de ferro, o oficio de máis tradición na zona, farase unha demostración de realización de follas de navallas e coitelos

A XII Feira de Artesanía e Antigüidades da Pontenova, que se celebrará do 6 ao 9 de decembro, suporá un volume de negocio estimado de máis de 200.000 euros. Ao longo dos catro días nos que terá lugar o evento, exporanse máis de 1 millón de pezas antigas, como mobles, obras de colección, discos, libros, xoias, entre outros obxectos, todos eles expostos no interior dunha carpa de 1.000 metros cadrados, que o Concello habilitou na Praza dos Fornos.

O Presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, subliñou que “esta cita supón un importante revulsivo económico para o municipio, ao tempo que mantén viva a tradición dos oficios tradicionais e anticuarios, precisamente pola gran promoción que reporta a feira”.

Campos Conde engadiu que “a cita, ademais de 30 expositores, reunirá a numerosas persoas expertas no campo dos anticuarios que veñen na procura dalgunha peza, así como a amantes da artesanía e das antigüidades. En total, agardamos durante os catro días a unhas 8.000 persoas”.

No referente á parte artesanal, haberá varios obradoiros de oficios tradicionais. No de máis tradición na zona, a forxa de ferro, farase unha demostración de realización de follas de navallas e coitelos. Estes obxectos, substituíron aos fouciños, a cuxa fabricación se dedicaban varios ferreiros da zona.