Cultura
Deputación de Lugo

22 actuacións compoñen a nova edición do Festival de Jazz de Lugo co que colaboran a Deputación e o Concello

cultura
jazz
concello de lugo
22 actuacións compoñen a nova edición do Festival de Jazz  de Lugo co que colaboran a Deputación e o Concello
A programación da XXVIII edición do festival que organiza a Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz terá lugar do 10 ao 18 de novembro na cidade de Lugo

García Porto subliñou que “A Deputación colabora para a consolidación deste espazo cultural e musical que cada ano vai medrando e que achega o mellor do jazz a Lugo”

Os Concertos e actividades terán lugar no Círculo das Artes, o Club Clavicembalo, a Casa do Saber e o Bar Ho! Gruf. Máis información en www.jazzlugo.com

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentaron este venres no Círculo das Artes a XXVIII edición do Festival de Jazz de Lugo, que organiza a Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, e que terá lugar do 10 ao 18 de novembro na cidade de Lugo. Fixérono xunto ao o presidente e o secretario da asociación, Alberto Grandío e José Luis Díaz Núñez. Son un total de 22 actuacións, incluíndo dúas jazz sessions, as que compoñen esta nova edición, que conta cunha colaboración da Deputación de 17.000 euros. Ademais, a programación inclúe o visionado de dous documentais sobre a vida dos músicos Clark Terry e Lee Morgan.

García Porto subliñou que “dende a Deputación de Lugo colaboramos para  consolidar este espazo cultural e musical que cada ano vai medrando e que achega á capital lucense profesionais do mundo do jazz de primeiro nivel, o que non sería posible ter na cidade se non fose por iniciativas coma esta. Ademais, con este tipo de actividades, dinamizamos a vida na cidade. Traballamos da man para impulsar actividades que dinamicen a vida cultural da cidade ao tempo que se propón unha programación musical alternativa para o ocio”.

A asociación Escobijazz ten como principal actividade a organización do Festival de Jazz de Lugo. Este festival vense celebrando na cidade dende o ano 1991. Durante estes anos o festival deu cabida a figuras internacionais e novos valores neste xénero musical. Os Concertos e actividades terán lugar no Círculo das Artes, o Club Clavicembalo, a Casa do Saber e o Bar Ho! Gruf. Máis información en www.jazzlugo.com .

Programación


Este ano, o festival de Jazz ofrece 24 citas musicais, entre concertos, jazz sessions e proxección de documentais que terán lugar en catro establecementos da cidade.

Círculo das artes.- A entrada a todos os concertos é de 12 euros.
- O domingo 11 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do saxofonista Antonio Lizana.
- O luns 12 de novembro ás 21:30 horas, no escenario 1906, actuarán Nani García Trio e a Banda Municipal da Coruña.
- O martes 13 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto de Charles McPherson Quartet.
- O mércores 14 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906, actuará o David Murray Quartet.
- O xoves 15 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do trompetista Fabrizio Bosso Special Quintet.
- O venres 16 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, actuará o grupo de Gilad Hekselman Zuperoctave, con Aaron Parks & Kendrick Scott.
- O sábado 17 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do grupo Yellowjackets.
- O domingo 18 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, actuará a pianista, vocalista e compositora Sarah McKenzie.

Club Clavicembalo


- O sábado 10 de novembro ás 23:45 horas, terá lugar o concerto de Marcos Pin e Pablo Castaño, coa súa Jazz Orchestra. Entrada: 10 euros.
- O luns 12 de novembro ás 23:30 horas, actuará o David Regueiro Trio. Entrada: 5 euros.
- O martes 13 de novembro ás 23:30 horas terá lugar o concerto de Javier Navas Quartet. Entrada: 5 euros.
- O mércores 14 de novembro ás 23:30 horas actuará o cuarteto de Moisés P. Sánchez. Entrada: 5 euros.
- O xoves 15 de novembro ás 23:30 horas, terá lugar o concerto de Natanael Ramos Quintet. Entrada: 5 euros.
- O venres 16 de novembro ás 23:30 horas, actuará o Juyma Estévez Trío; e ás 23:55 horas, será o turno de Albert Cirera y els Tres Tambors. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.
- O sábado 17 de novembro ás 23:30 terá lugar o concerto da Kike Mora Band, que interpretará temas de Marcus Miller. Ás 23:55 horas será o turno de Saxophobia Funk Project. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.

Casa do Saber do Campus Terra da USC.


- O luns 12 de novembro ás 20:00 horas actuará o Eva Fernández Trio. A entrada é libre ata esgotar as localidades.

Ho! Gruf.- A entrada a todas as actividades é libre ata completar aforo.
- O martes 13 de novembro ás 18:00 horas, terá lugar a proxección do documental Keep´on keepin´on, sobre a vida de Clark Terry.
- O mércores 14 de novembro ás 18:00  horas, proxéctase o documental I call him Morgan,  sobre a vida do trompetista Lee Morgan.
- O venres 16 de novembro ás 22:00 horas, haberá unha jazz session a cargo de Sr.Blas.
- O sábado 17 de novembro ás 13:00 horas, terá lugar unha sesión vermú coa actuación de Nastasia Zürcher. Ás 22:00 horas, haberá unha jazz session a cargo de Sr. Blas.

 

22 actuacións compoñen a nova edición do Festival de Jazz  de Lugo co que colaboran a Deputación e o Concello