O Camiño do Norte

San Alberte

 

Constitúe un dos Camiños “primitivos” astur-galaicos transitados polos peregrinos europeos que procedían de Francia por terra ou que recalaban nos portos cantábricos para dirixirse á catedral de Oviedo e, posteriormente, continuar cara Santiago. Este percorrido sería así realizado por recoñecidos peregrinos durante a Idade Media e a Idade Moderna, destacando a figura de San Francisco de  Asís, que no século  XIII se converteu en peregrino seguindo este itinerario.

O Camiño Norte inicia o seu percorrido por terras lucenses en Ribadeo, onde tras cruzar a ría (antigamente por mar e hoxe a través da Ponte dos Santos) continúa trazando un itinerario do que cinco etapas discorren integramente pola provincia de Lugo, con finais respectivamente en Lourenzá, Abadín, Vilalba e Baamonde. Desde aquí o Camiño segue por terras de Guitiriz e Friol cara a Sobrado dos Monxes.

Desde o porto de  Porcillán en Ribadeo, onde un fito márcanos a distancia de 196 quilómetros a Santiago, o Camiño inicia un percorrido cara ao interior da provincia, regalándonos a visita a destacados lugares desde o punto de vista histórico- artístico: a praza de España de Ribadeo, coa emblemática Torre dos Moreno e o pazo de  Ibáñez, o mosteiro de San Salvador de Lourenzá, o centro histórico de Mondoñedo, coa súa Catedral- Basílica Patrimonio da Humanidade, a igrexa de Santa María de Abadín, a localidade de Vilalba, co seu torreón medieval, a igrexa de Santiago de Baamonde, a capela de San  Alberte de Parga ou a fortaleza de San Paio de Narla en Friol. Desde aquí, o Camiño prosegue ata O Marco dás  Pías, onde abandona terras lucenses.