Plan Único
 
PLAN ÚNICO DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS

 

Co Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2020, a Deputación provincial trata de dar resposta ás situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía e responsabilidade (en que e como gastar) mediante a ampliación e flexibilización do seu obxecto, que pasa a ser múltiple, facilitando tamén a planificación da actividade dos respectivos gobernos municipais.

O Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2020 supón unha continuidade da profunda reformulación levada a cabo no exercicio 2017, no que atinxe aos instrumentos de cooperación cos municipios, na medida en que a mesma pasa a concentrarse, basicamente, nun Plan Provincial Único que se distribúe territorialmente con criterios obxectivos, reducindo drasticamente a discrecionalidade na asignación dos fondos provinciais, perfeccionando as políticas de equidade, obxectividade e transparencia nas accións de cooperación cos concellos, sen prexuízo de escoitar e atender necesidades concretas e finalidades comúns por outros sistemas como os convenios de cooperación.

Xunto co anterior, preténdese unha racionalización, simplificación e redución dos instrumentos de colaboración cos municipios que se viñan desenvolvendo mediante liñas de subvención ou achegas, de tal maneira que a colaboración financeira da Deputación cos concellos queda concentrada básicamente neste Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos.

De conformidade coa Disposición Adicional oitava da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de Subvencións, na redacción vixente, as Subvencións que integran o programa de cooperación económica do Estado aos investimentos das autoridades locais, do mesmo xeito que as subvencións que integran plans ou instrumentos semellantes que teñan por obxecto levar a cabo funcións de apoio e cooperación municipal réxense pola súa normativa específica, resultando da aplicación supletoria as disposicións da devandita lei.