Artesanía na provincia de Lugo

Os traballos de artesanía da Provincia de Lugo teñen como orixe os oficios populares que antano tiñan por misión a fabricación de obxectos cotiáns que facilitasen a vida dos habitantes dos pobos e aldeas. Nas últimas décadas, os avances tecnolóxicos foron desprazando ese carácter funcional das pezas artesanais, que hoxe cumpren unha misión máis relacionada co seu valor estético e decorativo.

 

É o que sucede por exemplo coa cerámica tradicional, que en Lugo contou con importantes centros de produción como Mondoñedo, Samos, Bonxe e Gundivós, cuxas pezas eran empregadas nas cociñas tradicionais ou para labores cotiás como a matanza. Actualmente quedan tres centros de produción de cerámica tradicional en Lugo: un en Bonxe, no municipio de Outeiro de Rei e dous en Gundivós, onde a característica cerámica negra atópase tamén intimamente ligada á tradición vinícola, como demostran pezas como os característicos xarros.

 

Alfarería de Bonxe
Alfarería de Bonxe
Alfarería de Gundivós
Alfarería de Gundivós

 

Nas serras orientais, e en especial en zonas próximas a Asturias como A Fonsagrada, Pontenova ou Riotorto, destacou o traballo dos ferreiros, moi centrado na elaboración de toda clase de útiles para o campo, pero tamén de coitelos e navallas de extraordinaria calidade.

 

Os oficios do mar tamén ocupan un destacado lugar na cultura do territorio. Así, a provincia de Lugo contou con destacados estaleiros dedicados á construción de embarcacións de madeira, tradición que se mantén na localidade de San Cibrao, aínda que máis vencellada na actualidade á realización de reparacións. Igualmente, en Burela, o colectivo de redeiras mantén vivo un oficio que busca relevo xeracional.

 

Ferreiro de Riotorto
Carpintería de Ribera
Rederas de Burela
Hoces de Riotorto

 

Por toda a provincia, ligados aos traballos agrícolas, proliferaron oficios como os zoqueiros e cesteiros cuxa labor foi esencial para prover aos campesiños de calzado axeitado para resistir o frío e a humidade e de cestas de vimbio para a recollida dos produtos ou a semente.

 

Outros traballos artesanais de relevancia na provincia foron os relacionados coa industria artesá do calzado, en especial en Monforte de Lemos; os tecidos artesanais en tear ou os traballos de encaixe das palilleiras en localidades como Sarria e Cervo.

 

Actualmente, a tradición artesá pervive da man daqueles que continuaron a labor iniciada polos seus antepasados, perpetuando os oficios populares que no pasado daban vida aos pobos da provincia. Doutra banda, numerosos artesáns emerxentes renovaron o concepto desta manifestación cultural, introducindo na súa obra innovacións que sitúan á provincia de Lugo na vangarda do deseño.

 

Así, os traballos en coiro, os novos deseños elaborados en cerámica, o deseño de xoias, os artistas gráficos, a produción téxtil, o gravado, a construción de instrumentos musicais, os traballos en madeira ou a restauración de mobles son algúns dos oficios artesanais nos que a provincia de Lugo conta xa con destacadas figuras.

 

Cestería contemporánea
Luthier
Cerámica
Joyería
Cantería
Tornero
Tornero
Titiritero

 

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo

 

A Deputación de Lugo, dentro dos seus obxectivos de promoción da artesanía e dos oficios tradicionais da provincia creou o Centro de Artesanía e Deseño, un espazo para a formación, a creación e a exposición que ofrece actividades e iniciativas encamiñadas a defender as tradicións propias no ámbito artesanal.

Conta con salas de exposición permanente onde se mostran pezas de artesanía tradicional, unha colección de réplicas dos instrumentos musicais do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, exposición de traxes tradicionais e talleres artesáns de tapicería, restauración de mobles, encadernación de libros, cestería, instrumentos musicais e traxes tradicionais. Ademais, conta con salas para exposicións temporais na capela de Santa María.

 

CENTRAD
CENTRAD
CENTRAD
CENTRAD

 

Consulta AQUÍ o directorio de artesáns da provincia de Lugo da base de datos do CENTRAD.

Consulta AQUÍ o directorio de artesáns de Artesanía de Galicia.

Descarga AQUÍ o directorio xeral de artesanía da provincia de Lugo.

Máis información:Teléfono: 982 21 00 66. www.centrad.org.