Xeodestino Lugo-Terra Chá

O xeodestino Lugo-Terra Chá está integrado polos municipios de Abadín, Antas de Ulla, A Pastoriza, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, O Corgo, O Páramo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pol, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba e Xermade.

Este territorio abarca algunhas das zonas gandeiras máis punteiras da provincia: dende a extensa Terra Chá ata a comarca de Sarria, pasando pola Ulloa, o Lugo agrario acolle a un viaxeiro que desexa mimetizarse coa natureza e vivir experiencias forxadas na autenticidade do rural.

Pero Lugo-Terra Chá é tamén destino de turismo cultural. Os centros históricos de Sarria e Vilalba, o Camiño de Santiago e a bimilenaria cidade de Lugo, emblema da gastronomía galega, bríndannos a oportunidade de facer un percorrido pola Historia seguindo a pegada romana e medieval.

 

 

NATUREZA

Se hai un recurso que está presente neste xeodestino, ese é a auga. E faino das formas máis variadas: ríos, lagoas, fontes termais… un compendio de riqueza natural que forma paisaxes onde o ser humano soubo aproveitar o seu enxeño para labrarse un modo de vida propio. Terra de muíños, mazos, ferrerías, caneiros... a Reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO no ano 2002, esténdese pola maioría de municipios que compoñen este xeodestino, erixíndose como o mellor recoñecemento ao seu legado ambiental e cultural.

Paseo del Río Rato
Mazo de Santa Comba
Molino en A Fervenza
Río Miño en A Fervenza

O Miño é o gran fío condutor que dota ao territorio de riqueza e identidade propia. Dende o seu nacemento no Pedregal de Irimia ata máis aló da cidade de Lugo, á que rodea co seu envolvente curso, o Miño forma espectaculares paisaxes de auga en contornas como a das Insuas do Miño en Rábade e Outeiro de Rei.

E no corazón da Reserva da Biosfera, os tributarios do Miño como o Parga, o Ladra ou o Támoga conforman algunhas das zonas de maior fraxilidade ecolóxica que acollen na súa área de influencia todo un complexo húmido do que forman parte a Lagoa de Cospeito e outras lagoas como a de Caque en Castro de Rei, a lagoa do Rei en Rábade ou Riocaldo en Begonte. Sen dúbida, un paraíso para os amantes da ornitoloxía.

Pedregal de Irimia
Laguna de Cospeito
Río Ladra
Insuas do Miño

Parte desta riqueza natural vén tamén dada pola presenza da Serra do Xistral. Situada no extremo norte da Reserva da Biosfera, é un lugar onde se conservan auténticas reliquias de flora e fauna no medio dunha paisaxe case inhóspita que é o fogar do vento, a néboa e de cabalos salvaxes que aquí campan en liberdade.

No que respecta ao patrimonio termal, as augas mineromedicinais dos balnearios de Lugo e Palas de Rei e as fontes de Guitiriz poñen o broche de ouro a unha oferta turística perfecta para gozar sen présas.

O Xistral
Balneario Río Pambre
Termas romanas en balneario de Lugo
Fuente de San Juan de Guitiriz

 

PATRIMONIO CULTURAL

A herdanza patrimonial desta parte da provincia de Lugo está marcada polo paso de civilizacións enteiras que nos deixaron auténticos tesouros como o castro de Viladonga, o monumento tardo-romano de Santa Eulalia de Bóveda ou a propia cidade de Lugo, cun incomparable pasado romano que aflora a cada paso e no que destacan a muralla romana Patrimonio da Humanidade, as termas romanas ou os restos arqueolóxicos musealizados da Domus do Mitreo ou a Casa dos Mosaicos.

Muralla romana de Lugo
Santa Eulalia de Bóveda
Castro de Viladonga
Domus del Mitreo

Lugo-Terra Chá é tamén territorio xacobeo. Tres Camiños de Santiago declarados Patrimonio da Humanidade (Norte, Primitivo e Francés) atravesan o xeodestino balizados por importantes elementos do patrimonio monumental como a Catedral de Lugo, na que se plasmaron estilos artísticos que nos falan de relevantes períodos da Historia.

Dentro da arquitectura relixiosa poden visitarse importantes monumentos como a igrexa de Santa María de Meira, San Salvador de Vilar de Donas, o mosteiro de Ferreira de Pallares, o convento da Merced, Santiago de Barbadelo e San Salvador de Sarria ou as igrexas de San Pedro e o convento de Santo Domingo na cidade de Lugo.

Papel importante xoga tamén o patrimonio civil e militar, con notables exemplos como o castelo de Pambre, a fortaleza de San Paio de Narla, a torre dos Andrade en Vilalba ou o torreón de Sarria.

Catedral de Lugo
Iglesia de Meira
Vilar de Donas
San Salvador de Sarria
Torreón de Los Andrade
Castillo de Pambre
San Paio de Narla
Santiago de Barbadelo

No que respecta á oferta museística do xeodestino destacan o Museo Provincial de Lugo, o museo de San Paio de Narla, o museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e o museo do castro de Viladonga.

Museo Provincial
Museo Interactivo de la Historia de Lugo
Museo de San Paio de Narla
Museo del castro de Viladonga

 

GASTRONOMÍA

Entre os produtos gastronómicos por excelencia do xeodestino Lugo-Terra Chá atópanse os ligados á súa economía agrícola e gandeira, sendo de especial mención os que contan con Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Entre estes destacan a pataca, os grelos, o capón de Vilalba, o pemento de Mougán e os queixos de San Simón da Costa e Arzúa- Ulloa.

E, para comer… Lugo. Este coñecido slogan fai gala dunha cidade que é un auténtico templo para os amantes da boa mesa. O ambiente das diferentes zonas de petiscos da capital da provincia forma parte esencial da identidade de Lugo, cidade acolledora e xenerosa que convida ao repouso e ao goce incomparable dun banquete onde non poden faltar produtos como o polbo, o cocido, a caza e os peixes e mariscos do Cantábrico. Todo iso regado cos mellores viños da Ribeira Sacra.

Queixo de San Simón
Pulpo
Filloas
De tapas

 

FESTAS DE INTERESE

No calendario festivo do xeodestino Lugo-Terra Chá atopamos citas tan imprescindibles como o San Froilán, festas patronais que enchen de vida o mes de outubro na cidade de Lugo; ou o Arde Lucus, evento durante o que a capital da provincia rememora o seu pasado castrexo e romano. Ambas están declaradas de Interese Turístico Nacional.

Outras festas de interese son as que renden homenaxe aos produtos do campo e ás tradicións agrícolas: as festas do queixo de San Simón e do capón en Vilalba, a festa do pemento de Mougán, a feira do queixo e do pan de Ousá en Friol, a feira do queixo da Ulloa ou encontros multitudinarios xa declarados de Interese Turístico como a feira de Santos de Monterroso, a festa da filloa de Muimenta ou a festa da malla de Meira.

Completan o calendario esencial de citas culturais o Festival de Pardiñas de Guitiriz, o San Xoan e a Noite Meiga de Sarria ou a Semana Santa e a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento que acolle anualmente a cidade de Lugo.

 

Preme nas seguintes ligazóns para acceder ás webs de Turismo municipais:

Abadín   Antas de Ulla   A Pastoriza   Baralla   Begonte   Castro de Rei   Castroverde  Cospeito   Friol  Guitiriz   Guntín   Láncara   Lugo   Meira    Monterroso   Muras   O Corgo   O Páramo   Outeiro de Rei  Palas de Rei   Pol  Rábade  Riotorto   Sarria  Vilalba   Xermade