Xeodestino Ancares- Courel

O xeodestino Ancares-Courel comprende os municipios da Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e Samos.

Na zona oriental da provincia de Lugo atopamos o que podería definirse como o fogar da distancia: ríos encaixados, contrastes altitudinais de ata 1600 metros, pobos onde o tempo parece deterse, Camiños de peregrinación, construcións populares que mostran unha íntima conexión do ser humano coa natureza, paisaxes virxes e reliquias de flora e fauna dan forma a un destino singular.

 

NATUREZA

Ancares- Courel, xunto coas montañas da Comarca da Fonsagrada, constitúen o maior espazo natural de Galicia. Os diferentes niveis de protección que conflúen no territorio sitúano como un referente internacional no ámbito da conservación e xestión ambiental. E é que nestes trece municipios atopamos as Reservas da Biosfera Eo- Oscos e Terras de Burón e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Ademais, dentro da Rede Natura 2000 inclúese as Zonas de Especial Conservación Ancares- Courel, Cruzul- Agüeira, Río Cabe, Carballido, Negueira e a Zona de Especial Protección de Aves de Ancares, sen esquecer a declaración deste espazo natural como Reserva Nacional de Caza, Zona de Especial Protección do Oso Pardo e paisaxe pintoresca. Todo iso fai deste xeodestino o escenario ideal para a práctica do ecoturismo e de deportes de natureza como o sendeirismo.

 

Tres Bispos- Ancares
Montañas del Courel
Mirador en Ancares
Castillo de Carbedo- O Courel

 

Entre os espazos de maior singularidade botánica integrados nos espazos naturais protexidos destacan os bosques da  Marronda, Carballido, o faial da Pintinidoira, o aciñeiral de Cruzul e o souto de Agüeira, as devesas da Rogueira e Romeor e os soutos de castiñeiros do Courel.

 

Os Grobos (Cruzul- Agüeira)
Devesa da Rogueira
Souto de Vilar
A Marronda

 

Ancares- Courel é tamén terra de ríos. Entre os profundos vales discorren os cursos do Eo, o Lor, o Rao, o Ser e o Cabe e o Navia, cuxas augas encora a presa de Salime no municipio de Negueira de Muñiz, por onde este río flúe encaixado nunha contorna singular cuxo microclima propiciou o cultivo da vide.

 

Río Navia
Río Cabe - O Incio
Río Eo- Ribeira de Piquín
Río Navia- Negueira de Muñiz
             

      

PATRIMONIO CULTURAL

Os restos arqueolóxicos achados na montaña lucense son testemuñas da ocupación humana do territorio desde épocas temperás. Algúns dos principais vestixios herdados destes primeiros poboadores son a necrópole de Santa Mariña, castros como A Torre no Courel, Santa María en Cervantes ou Castañoso na Fonsagrada, así como o paso da Vía Romana XIX.

 

Castro da Torre - O Courel
Castro de Santa María - Cervantes
Castro de Castañoso - A Fonsagrada
Ponte de Gatín - Becerreá

 

No que respecta á arquitectura civil, numerosas fortalezas salpican os cumios de Ancares- Courel, ocupando privilexiadas posicións que antano permitían dominar o paso de vías de comunicación estratéxicas, ou simplemente amosar o poder dos seus donos: castelos como o de Doiras, Doncos, Pobra de Burón ou Navia de Suarna fálannos dunha época na que liñaxes coma o dos Condes de Altamira acadaron unha posición de supremacía na sociedade medieval galega.

 

Castillo de Doiras
Fortaleza y Castillo de Navia de Suarna
Torre de Doncos
Pobra de Burón -  A Fonsagrada

 

Doutra banda, as especiais dificultades da vida na montaña lucense derivadas da súa climatoloxía e da súa orografía supuxeron a necesidade de idear construcións populares adaptadas aos avatares da dureza invernal. A solución adoptada polos habitantes da montaña foron as pallozas, construcións de planta circular con teito de colmo onde convivían as persoas e o gando. Algunhas destas singulares mostras de arquitectura popular, habitadas ata a década dos 70, foron reconvertidas en museo e poden visitarse en aldeas como Piornedo e O Cebreiro. Ademais, as aldeas de montaña desenvolveron tamén un urbanismo singular a proba de frío e neve que pode observarse en aldeas como Seceda ou Froxán.

 

Piornedo
Aldea de Seceda - O Courel
Palloza- Museo en Piornedo
Palloza- Museo en Piornedo

 

A montaña lucense é o territorio xacobeo por excelencia da provincia. Os Camiños de Santiago Primitivo e Francés inician as súas etapas galegas, respectivamente, polo Alto do Acevo na Fonsagrada e o Alto do Cebreiro en Pedrafita, dous lugares de gran simbolismo nas rutas de peregrinación. Ao longo dos seus trazados atopamos algúns dos exemplos de arte relixiosa máis destacados da provincia, como é o caso do santuario do Cebreiro e o mosteiro de Samos, considerado un dos máis antigos de occidente.

Á importancia deste patrimonio súmanse outros exemplos de arquitectura relixiosa: o convento cisterciense de Penamaior de Becerreá, a igrexa de Santo André das Nogais e a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital do Incio, única de España construída en mármore.

 

Mosteiro de Samos
Santa María de O Cebreiro
Montouto- A Fonsagrada -Camino Primitivo
Alto de San Roque - Camino Francés
Iglesia de Santiago - Triacastela- Camino Francés
San Pedro Fiz de Hospital do Incio
Convento de Penamaior de Becerreá
Soutomerille - Camino Primitivo

 

GASTRONOMÍA

Nas comarcas de montaña, onde a gastronomía está en consonancia co clima e a orografía do terreo, os produtos da matanza como os chourizos e outros embutidos como o butelo da Fonsagrada ou a androlla de Navia de Suarna enchen de cor os xenerosos cocidos que se prolongan nas tardes de inverno. Ademais, nun territorio que é un auténtico paraíso cinexético, o outono viste as mesas cos inconfundibles sabores da caza con cogomelos ou castañas.

Mención especial merecen produtos agroalimentarios singulares como o queixo do Cebreiro, que conta con Denominación de Orixe propia e cuxa elaboración esténdese á maioría dos municipios que integran o xeodestino.

Cocido
Androllas
Butelo
Queso de O Cebreiro

 

FESTAS DE INTERESE

As festas máis destacadas de Ancares- Courel son as que teñen a gastronomía e a cultura popular como fío condutor. Festas como a do butelo da Fonsagrada, a festa da androlla de Navia de Suarna, a feira do viño de Negueira de Muñiz, a festa da empanada nas Nogais e a do queixo do Cebreiro, declarada de Interese Turístico, exaltan a riqueza gastronómica da montaña lucense.

No referente á cultura popular, encontros como o Filandón de Músicas do Courel e a festa da pandeireta de Piornedo rememoran a tradición musical da montaña lucense.

 

Preme nas seguintes ligazóns para acceder ás webs de Turismo municipais:

A Fonsagrada   As Nogais   Baleira   Becerreá   Negueira de Muñiz   Ribeira de Piquín   Cervantes   Folgoso do Courel   Navia de Suarna   O Incio   Pedrafita do Cebreiro    Triacastela    Samos