Deputación de Lugo
Turismo

Pantón e Sober centran as actividades do programa Actívate da Deputación esta fin de semana

activate
turismo
Pantón
Sober
Estes sábado as persoas inscritas participaron na ruta Sendeirismo na fervenza de Augacaída, en Pantón e, o domingo, outro grupo realizará o percorrido Entre viñedos ao carón do Sil, en Sober

O vindeiro martes ábrese o prazo para dúas novas actividades gratuítas: Baños de bosque nos Ancares, en Cervantes, e En bici pola Vía Verde e montes na vila dos Fornos, que acollerá o municipio da Pontenova

A Deputación de Lugo continúa co programa Actívate, que inclúe actividades gratuítas para todos os públicos co fin de promover o turismo activo, científico e mindfulness nos concellos da provincia e contribuír deste xeito á recuperación deste sector, que resultou dos máis prexudicados polas restricións á mobilidade da Covid-19. Este sábado, a comarca da Ribeira Sacra acolleu a ruta Sendeirismo na fervenza de Augacaída, que congregou a persoas de todas as idades para desfrutar da natureza. O domingo será a quenda da actividade Entre viñedos ao carón do Sil, no municipio de Sober.  

O programa inclúe diferentes actividades gratuítas ao longo da xeografía durante todas as fins de semana de maio e xuño. O programa Actívate comezou a primeiros de maio con barranquismo, no concello de Folgoso do Courel, un curso de Iniciación aos cogomelos de primavera, no Incio, unha ruta ornitolóxica, en Cospeito e un percorrido de sendeirismo por Triacastela. 

Todas as iniciativas esgotan as prazas ao pouco de se abriren os prazos de inscrición, o que dá boa mostra da boa aceptación que a veciñanza da provincia lle está dando ao programa Actívate da Deputación. 

As persoas interesadas en participar nas próximas iniciativas deste programa poden inscribirse na páxina web http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/activate. Para máis información poden chamar ao teléfono 982.260.011 ou enviar un correo electrónico a atuaprovincia@deputacionlugo.org.

Actividades programa Actívate

Próximas actividades


MAIO
-    22 de maio: O Courel, onde as forzas xeolóxicas dobraron as montañas, en Quiroga (Prazas esgotadas)
-    23 de maio: Iniciación ao Ioga, en Mondoñedo 
-    29 de maio: Baños de bosque nos Ancares, en Cervantes
-    30 de maio: En bici pola Vía Verde e montes na vila dos Fornos, na Pontenova

XUÑO
-    5 de xuño: Os increíbles ceos do Xistral, en Muras. Esta actividade, ao tratarse dunha actividade nocturna pode variar de data en función da normativa sanitaria vixente.
-    6 de xuño: Aventura no Castro de Viladonga, en Castro de Rei
-    12 de xuño: Sendeirismo Castelo de Pambre e torrentes do Mácara, Palas de Rei
-    13 de xuño: Surfeando na costa da Mariña, en Foz
-    19 de xuño: Introdución ao Tai Chí, en Guntín
-    20 de xuño: Descubrindo as pegadas da fauna, na Fonsagrada
-    26 de xuño: Sendeirismo na Mariña occidental, no Vicedo
-    27 de xuño: Kaiak no río Eo, en Trabada