Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente, no Consello de Turismo: “o futuro pasa por seguir traballando xuntos e consolidar o noso modelo de turismo sostible”

turismo
Consello Provincial de Turismo
José Tomé presidiu a última reunión do ano deste órgano, onde se deu conta das actividades e accións desenvolvidas no 2020 e no marco do Plan Estratéxico de Turismo

“A través do diálogo e da colaboración, levamos a cabo un bo número de iniciativas interesantes, que, dentro das nosas competencias e recursos, axudaron ó sector a afrontar o impacto da crise, a adaptarse, e mesmo a reinventarse”

O mandatario provincial destacou o “compromiso claro e a aposta firme” da institución polo turismo, “que decidimos reforzar de cara ao 2021 nos orzamentos” cun incremento do 10% dos fondos destinados a accións vinculadas co sector

Os membros do Consello Provincial de Turismo coñeceron os resultados das enquisas de valoración dos viaxeiros dos catamaráns, que evidencian o auxe da Ribeira Sacra como destino de preferencia do turista a nivel nacional

O Consello Provincial de Turismo celebrou este xoves a última reunión do ano no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos, unha sesión na que se deu conta das accións realizadas pola área de Turismo ao longo deste 2020, así como das actividades e proxectos postos en marcha no marco do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020.

O Presidente da Deputación, JoséTomé Roca, abriu a sesión lanzando unha mensaxe clara de apoio e recoñecemento ao sector do turismo, a hostalería e o comercio da provincia. “Afrontaron o reto dende unha responsabilidade e unha profesionalidade exemplares, mantendo ao mesmo tempo as súas reivindicacións, que a apoiamos dende a Deputación de Lugo”. “Este foi un ano moi difícil, excepcionalmente difícil. A pandemia afectou, dun xeito especial e moi grave ao turismo, á hostalería e ao comercio, uns sectores estratéxicos na provincia de Lugo que son un dos músculos da nosa economía e do emprego, e un elemento clave para fixar poboación”, asegurou.

Na súa intervención, o mandatario provincial salientou que a pandemia deixou en evidencia varias premisas que teñen que servir para traballar no novo escenario xurdido. “A primeira delas, que na provincia de Lugo temos un modelo de turismo acertado, un turismo de calidade, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que se ve revalidado neste momento”, relatou. 

“A segunda cuestión que a crise deixa clara é a importancia de traballar xuntos, tanto a administración coma os diferentes axentes económicos, compartindo liñas directrices a medio prazo”, subliñou. “A través do diálogo e da colaboración, levamos a cabo un bo número de iniciativas interesantes, que, dentro das nosas competencias e recursos, axudaron ó sector a afrontar o impacto da crise, a adaptarse, e mesmo a reinventarse”, asegurou o Presidente, poñendo como exemplos diferentes iniciativas lanzadas dende a institución, como foron os encontros telemáticos Abrindo as portas: o rexurdir do turismo, o plan formativo da campaña EN LUGO, SI, os premios Lugo cambia ao turismo lucense e...E para comer Lugo, á gastronomía lucense ou a colaboración para facer posible que o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial se celebrase na provincia de Lugo.

Tomé Roca lembrou un dos fitos máis importantes acadados neste 2020: o ingreso da Deputación de Lugo na Ruta Transrománica, recoñecida polo Consello de Europa. “A provincia é o terceiro territorio de toda España que entra nesta Rede coa que situamos ao románico da Ribeira Sacra no máis alto nivel de recoñecemento e visibilidade a nivel europeo”, recalcou.

Reforzo dos fondos para turismo nun 10%
O Presidente recalcou neste sentido que a Deputación de Lugo “ten un compromiso claro e fai unha aposta forte polo turismo, un compromiso que decidimos reforzar de cara ao 2021 para, dentro das nosas competencias e cos recursos dos que dispoñemos, seguir axudando a manter e a recuperar a actividade da provincia”. Explicou que os orzamentos para o próximo ano aumentan un 10% para reforzar as accións que desenvolve a Deputación para a promoción do turismo na provincia. 

Entre as novas medidas que se van lanzar no 2020, Tomé Roca avanzou dous novos programa específicos: un deles para fomentar o turismo interior e outro para a promoción dos produtos de proximidade. Ademais, engadiu o Presidente, a Deputación seguirá apostando “pola proxección nacional e internacional a través do Xacobeo 2021, apoiando a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e tamén a Reserva da Biosfera, xunto con outras accións que fomentan o interese do exterior na provincia”. 

A Ribeira Sacra, en auxe
Os membros do Consello Provincial de Turismo coñeceron na reunión de hoxe os resultados das enquisas de valoración que cubriron os viaxeiros que realizaron algunha das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra que ofrece a Deputación. Desa información, lese que o destino Ribeira Sacra está sendo cada vez máis demandado por novos viaxeiros, pois máis do 70% dos participantes na enquisa manifestaron que se achegaban por primeira vez a este destino. As campañas promocionais que potencian a marca Ribeira Sacra, así como o pulo da candidatura a Patrimonio da Humanidade e a Reserva da Biosfera estarían na orixe desta elevada porcentaxe de novos visitantes e demostran a consolidación dodestino. 

En canto á procedencia, máis do 66% dos viaxeiros achegáronse dende outras comunidades autónomas e o 33% foron galegos, só o 1% foi estranxeiro. Como se reflectiu na sesión, estes datos xogan coa particularidade de que este ano as limitacións sanitarias promoveron máis o turismo nacional e pola propia autonomía, sendo case insignificante o número de persoas procedentes doutros países. 

A metade das persoas manifestou que realizar unha das rutas por catamarán foi a súa principal actividade e motivación para desprazarse a coñecer esta zona do sur de Lugo. 

En canto á súa satisfacción co servizo das rutas, máis do 72% deulle a máxima puntuación (un 5 sobre 5), valorando moi positivamente as medidas implantadas de hixiene e prevención incluídas este ano para prever os contaxio por Covid-19, como a limitación de aforos, limpeza das embarcacións e cambio nas frecuencias das saídas. 

Outra cuestión subliñable é que máis do 90% das persoas que realizaron a enquisa salientou o bo trato recibido dende o momento da compra do billete ata o final da experiencia, poñendo de manifesto a amabilidade das persoas que prestan o servizo (guías turísticos, capitáns ou vendedor no despacho de billetes). 

Premios Lugo Cambia
A sesión deste xoves tamén aprobou unha modificación das bases dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Concretamente, deuse luz verde a que os membros do Consello Provincial de Turismo poidan presentar a súa candidatura a estes premios. De ser así, non poderán participar na votación dos mesmos. 

Estas distincións, celebradas por primeira vez neste 2020, teñen como obxectivo recoñecer publicamente a dedicación de distintas empresas, persoas, institucións ou entidades e os seus méritos polo traballo realizado en prol do desenvolvemento, do fomento e da promoción turística, a traxectoria profesional e a posta en marcha de actuacións innovadoras ou exemplares que teñan unha repercusión positiva no ámbito do turismo ou da gastronomía da provincia de Lugo, ben no seu conxunto ou nun ámbito territorial inferior comprendido dentro da provincia.

Órgano participativo e consultivo
O Consello Provincial de Turismo é un órgano participativo e consultivo creado pola Deputación para promover accións en impulso do destino turístico da provincia. Forman parte deste organismo 21 persoas relacionadas co turismo da provincia representando a asociacións, entidades e institucións, co obxectivo de favorecer a gobernanza turística.