Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación promociona a provincia cedéndolle ao Museo do Prado a árbore de Nadal no seu Bicentenario

turismo
presidente
deputados
A Deputación de Lugo promociona a provincia cedéndolle ao Museo do Prado a árbore de Nadal no seu Bicentenario
O Presidente presentou en Madrid xunto á Deputada de Turismo a colaboración da institución provincial coa pinacoteca, pola que pasarán unhas 200.000 persoas durante os 25 días nos que o abeto procedente da provincia estará instalado na Porta de Goya

Os visitantes terán información de Lugo grazas ao material promocional que a Deputación terá no espazo museístico

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto á Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este mércores no Museo Nacional do Prado, en Madrid, a colaboración da institución provincial cos actos de celebración do Bicentenario da pinacoteca, que consiste na cesión ó museo da árbore de Nadal, un abeto procedente da provincia que lucirá na porta de Goya dende hoxe ata o vindeiro 10 de xaneiro. 

O acto de presentación tivo lugar nunha das salas expositivas do Prado e contou coa presenza de Marina Chinchilla, directora adxunta de Administración, e de Guille García Hoz, artista responsable da decoración da árbore.

José Tomé destacou a colaboración co Prado como “unha oportunidade excepcional para mostrar ao mundo a riqueza patrimonial da provincia”. Así, unhas 200.000 persoas achegaranse ao museo durante os 25 días nos que a árbore estará instalada, visitantes que ademais terán información de Lugo grazas ao material promocional que a Deputación terá no espazo museístico. A esta proxección, hai que engadir o gran impacto mediático desta actuación.

“Esperamos que ao recibir aos visitantes, a beleza deste abeto se converta nun adecuado preludio da experiencia estética que encontrarán dentro do museo. E gustaríanos que, no momento da partida, o murmurio das súas ramas sirva non só de despedida, se non como invitación a prolongar a experiencia vivida nestas salas cunha visita á provincia de Lugo”, asegurou o Presidente.

Colaboración cultural
Tomé puxo en valor que o Museo Nacional do Prado “soubo manter ao longo da súa historia unha  política de colaboración xenerosa e intelixente, cedendo obras a outros museos e institucións do territorio, achegando así ao conxunto da cidadanía, dentro das obrigadas normas de seguridade e conservación, o inesgotable patrimonio que atesouran os seus fondos”.

De feito, o Museo Provincial de Lugo conta cunha rica selección de obras cedidas polo Prado, unha colaboración coa provincia que comezou xa no ano 1887 e que se mantivo dende entón.

Por iso, afirmou José Tomé, “ademais de contribuír ás celebracións do Bicentenario do museo, a nosa presenza hoxe aquí supón un xesto de recoñecemento, unha maneira simbólica de expresar, con esta árbore de Nadal, o noso agradecemento por estes anos de colaboración cultural”.

O Presidente aproveitou o acto para poñer en valor a riqueza natural da provincia, “a máis extensa de Galicia e a máis rica en diversidade”. Destacou que é a única de España na que máis do 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera, unha distinción que se verá ampliada co recoñecemento ao que aspira a Ribeira Sacra, que tamén engrosará a lista patrimonios da humanidade de Lugo, da que hoxe xa forman parte 6 bens recoñecidos pola UNESCO: a Muralla de Lugo, as catedrais de Mondoñedo e Lugo, e os Camiños de Santiago Francés, Primitivo e do Norte. 

A árbore de Nadal cedida pola Deputación de Lugo ao Museo do Prado é un abeto de 7 metros alto e 1.000 quilos de peso procedente dun viveiro de Tirimol, no municipio de Lugo, ao que será devolto unha vez remate o Nadal.

Decoración
A decoración da árbore de Nadal, promovida pola pinacoteca, foi deseñada polo artista Guille García Hoz, cuxo traballo leva anos vencellado á revisión e recuperación dos oficios artesanais como a cerámica. O decorador manifesta o orgullo que sinte pola implicación do Museo do Prado na transmisión da mensaxe desta iniciativa, desexando que coa artesanía aconteza algo parecido ao percorrido da propia árbore. “Que nos leve de volta ao sitio de onde vimos e que esta viaxe marque en todos un selo imborrable”. 

Máis dun cento de anduriñas e esquíos realizados en cerámica treparán este Nadal cara a copa da árbore do Museo, coroada por un corazón que foi producido no Centro Cerámico de Talavera.