Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente inaugura as XVI Xornadas Científicas do Camiño de Inverno resaltando o potencial turístico da Ribeira Sacra

presidente
turismo
Ribeira Sacra
Imaxe deputación de lugo
Durante toda a fin de semana 80 persoas participarán en conferencias, debates e visitas guiadas arredor do patrimonio inmaterial desta ruta xacobea

José Tomé loou a temática deste seminario que pon en valor as lendas, contos e historias que se transmitiron de xeración en xeración vía oral

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou esta tarde na inauguración das XVI Xornadas Científicas do Camiño de Inverno O patrimonio inmaterial: lendas, contos, ditos, historias, cantigas... que se celebrou no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. A iniciativa arranca hoxe venres e prolongarase ata o domingo, cunha morea de debates, proxeccións e rutas por esta ruta xacobea. 

Na súa intervención, o titular do Goberno provincial deulle a benvida ás máis de 80 persoas que participarán neste seminario, salientando que a afluencia é unha mostra do interese que esperta este tema na sociedade galega. Tomé Roca sinalou a importancia dos traballos que se promoven ó redor desta variante do Camiño e loou ao colectivo organizador, a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, polo programa que propoñen nestas xornadas. “É un acerto poñer o foco neses aspectos tan identificadores dun lugar como poden ser as lendas, contos e todas aquelas historias que vai gardando unha área xeográfica co paso do tempo. Non podemos deixar que todo ese patrimonio oculto que se foi transmitido de forma oral de xeración en xeración quede esquecido”, sinalou. 

Ademais,  o Presidente deulle alento ós colectivos para seguir na senda que iniciaron co obxectivo de darlle un pulo ó Camiño de Inverno, xa que  “a Ribeira Sacra ten moito que lle ofrecer ao camiñante que escolle este itinerario para chegar a Santiago, e para iso temos que apoiar as iniciativas cidadás sen perder de vista os estudos de investigación arredor da ruta”, puntualizou. 

Neste senso, aludiu ao importante traballo da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, pero tamén puxo en valor “aos pioneiros que comezaron a traballar polo Camiño de Inverno”. A principios dos anos 90, hai 30 anos, destacou, “dous deputados da zona da Ribeira Sacra, como foron Margarita Rodríguez Otero e Ceferino Díaz, levaron ao Parlamento Galego unha Proposición Non de Lei que foi aprobada, na que xa reclamaban o recoñecemento desta ruta, á que naquel momento lle daban o nome de Camiño Sur a Santiago”.

Programación


As XVI Xornadas Científicas do Camiño de Inverno O patrimonio inmaterial: lendas, contos, ditos, historias, cantigas... arrancaron cunha conferencia inaugural a cargo de Ana Goy Díaz, catedrática de historia da arte da Universidade de Santiago, baixo o título  Á busca do valor universal excepcional da Ribeira Sacra. Logo, seguiulle unha carga concerto de Efraim Díaz, profesor da Escola Municipal de Música de Lugo sobre O pito pastoril galego. 

Mañá, sábado, o ex conselleiro de Cultura Víctor Vázquez Portomeñe ofrecerá unha conferencia sobre O valor inmaterial dos camiño de Santiago; e o domingo, o músico Xosé do Inicio abordará o tema O patrimonio inmaterial das regueiras, no pazo de Tor.

Tamén se inclúen debates, música en vivo, proxeccións e visitas guiadas pola comarca e un percorrido por un treito do Camiño de Inverno.