Deputación de Lugo
Turismo

Representantes das Asociacións de Hostalaría do Norte de España manteñen un encontro de traballo na Deputación

Asociacións de Hostalaría
Norte de España
Camiños de Santiago
APEHL
Representantes das Asociacións de Hostalaría do Norte de España manteñen un encontro de traballo na Deputación
Representantes de asociacións da Hostalaría de Cantabria, Pais Vasco, Asturias, Coruña, Santiago e Lugo intercambiaron boas practicas para incrementar a calidade dos servizos que ofrecen aos peregrinos e impulsar os Camiños de Santiago

Vidal Baamonde destacou a importancia da colaboración entre o sector público e privado para levar a cabo iniciativas que impulsen un turismo de calidade como a campaña de Exaltacións Gastronómicas...E para Comer Lugo que está a desenvolver conxuntamente a Deputación e APEHL

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, recibiu este mércores no Pazo de San Marcos aos representantes de asociacións da Hostalaría de Cantabria, Pais Vasco, Asturias, Coruña, Santiago e Lugo. No encontro, os representantes destas asociacións tiveron a oportunidade de intercambiar ideas sobre os programas e actividades que están a levar a cabo nos seus territorios para promover o turismo. Tamén puxeron en común as boas prácticas para impulsar os Camiños de Santiago e incrementar a calidade dos servizos que ofrecen aos peregrinos.

Estas asociacións de hostaleiros do Norte de España están a impulsar conxuntamente o proxecto Peregrinos por el Norte cun importante compromiso na atención aos camiñantes de calquera das variantes do Camiño de Santiago ao seu paso por Guipuzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo e A Coruña. Os case 130 hoteis que forman parte desta iniciativa están a ofrecer servizos estandarizados, especializados e exclusivos orientados ás necesidades dos peregrinos.

O Deputado de Turismo en funcións destacou “a importancia territorial e influencia que a provincia de Lugo aporta aos Camiños de Santiago e a necesidade de ofrecer  servizos de calidade aos peregrinos coa finalidade de que leven unha boa imaxe e elixan repetir a experiencia ou recomendala”.

Vidal Baamonde destacou tamén a importancia da colaboración entre o sector público e privado para levar a cabo iniciativas que impulsen un turismo de calidade e engadiu que “da man do sector privado impulsamos iniciativas como a campaña de Exaltacións Gastronómicas... E para Comer Lugo, que estamos a desenvolver conxuntamente a Deputación coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) como unha iniciativa para potenciar o turismo gastronómico na provincia”.

 

Participantes no encontro


Ao encontro deste mércores acudiu o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, José Francisco Real Castro. Representando a Asociación de Hostalería A Coruña asistiron Héctor Cañete (Presidente) e Andrea Díaz (Xerente). Por parte da Confederación Empresarial de Hostalería de España participaron nesta recepción José Luis Yzuel (Presidente) e Emilio Gallego Zuazo (Secretario). Procedentes doutras comunidades autónomas do Norte de España tamén estiveron presentes o xerente da Asociación de Hostalería de Vizcaya, Héctor Sánchez. En representación da Asociación de Asturias acudiron José Almeida (Presidente) e Eva Coppen (Xerente). Entre os representantes da Asociación de Cantabria estiveron presentes Ángel Cuevas (Presidente) e os membros da Xunta Permanente desta entidade, Fernando de la Pinta, Marcelo Fernández, e José Mª Bueno.