Deputación de Lugo
Turismo

Un estudo da USC corrobora o acerto de Deputación e Concello de Viveiro co seu incondicional apoio ao Resurrection Fest

Viveiro
Resurrection Fest
Impacto do Resurrection Fest
O estudo mantén que o Resu xerou este ano beneficios de 8,5 millóns, dos que 6,6 reverteron na Mariña. Deputación e Concello son as únicas institucións que colaboran con este festival dende a 1ª edición, sendo as principais patrocinadoras públicas
A Deputación achegou este ano 130.000 euros. O Concello facilitou espazos, medios humanos e económicos. A Xunta nunca fixo aportación económica. Os organizadores solicitaron unha axuda de concorrencia a AGADIC e acadaron 42.000 euros

“Para superar ciclos hai que ter creatividade e valentía como a dos irmáns Méndez e que as institucións aposten como o fixeron Deputación e Concello pese a opinión contraria doutros que non creron neste proxecto e ata o desprezaron”, destacou Santos

“Melchor Roel foi o Alcalde que soubo ver neste proxecto unha idea de futuro. Parte do éxito deste festival provén da tolerancia, do respecto e da hospitalidade dos viveirense, especialmente dos veciños de Celeiro”, destacou Loureiro

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela vén de corroborar o acerto de Deputación de Lugo e Concello de Viveiro co seu incondicional apoio ao Resurrection Fest dende a súa primeira edición e durante os últimos trece anos, sendo sempre as únicas administracións galegas que o fixeron e as principais colaboradoras e patrocinadoras públicas. O estudo mantén que o festival  xerou no 2018 un impacto económico superior aos 8,5 millóns de euros, dos que 6,6 reverteron directamente na Mariña. Mantendo sempre que colaborar con Resu era unha oportunidade económica para a provincia e de xeito especial para a Comarca mariñá; o Goberno da Deputación achegou só este ano 130.000 euros. Na mesma liña, o Concello de Viveiro involucrouse directamente na súa organización, facilitando todos os espazos para concertos ou acampada, reforzando os medios de seguridade, colaborando con persoal humanos e económicos... A Xunta de Galicia non fixo nunca ningunha aportación económica. Os organizadores solicitaron unha axuda de concorrencia competitiva da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e acadaron 42.000 euros este ano.

Precisamente foi AGADIC o departamento que encargou á USC este estudo sobre o Resu 2018. Fixeron 1.470 enquisas durante os días do festival (do 11 ao 14 de xullo), das que se desprenden que o Resu rexistrou máis de 81.756 visitas, das que o 58% proviñeron de fóra de Galicia; o perfil máis común foi o dun home de entre 18 a 24 anos, estudantes que viñeron coas súas familias; ou que o gasto medio por persoa e día foi duns 51,45 euros. Tamén destaca a valoración dos asistentes sobre o festival, que é dun 8,7 sobre 10; a mellora do coñecemento de Viveiro cun 9,43 ou o da súa imaxe cun 8,96; así como as puntuacións sobre como o festival atrae o turismo cun 9,32; o impacto económico cun 9,45 ou o orgullo local cun 8,89.

Os resultados destes estudo déronse a coñecer este xoves nunha rolda de prensa na delegación da Xunta de Galicia en Lugo, no que participaron o voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos; a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; un dos organizadores e promotores do Resu, Iván Méndez; o Director da AGADIC,  Jacobo Sutil; o coordinador da investigación e autor do estudo; Fran Núñez, e o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Investimento público que multiplica os retornos económicos na provincia
Santos Ramos destacou que “é unha satisfacción para a Deputación, que leva colaborando co Resurrection Fest durante todas as súas edicións, este ano con 130.000 euros, sendo a que máis o fai; poder demostrar á sociedade que este investimento público non é ningún despilfarro, senón un engrenaxe para que se multipliquen os retornos desta achega na nosa provincia e especialmente na Comarca da Mariña.  As máis de 80.000 persoas de 40 nacionalidades diferentes que acudiron ao festival este ano ou ese impacto económico de 8,5 que foi capaz de xerar constatan que para superar ciclos, que ás veces son difíciles de superar, hai que ter creatividade e valentía, como demostraron ter os irmáns Méndez, e que haxa institucións que aposten por el, como o fixeron dende o primeiro momento Deputación e Concello de Viveiro. E todo isto, pese a opinión contraria de outros, que non creron e ata desprezaron esta grande iniciativa”.

“Os datos xustifican o apoio das administracións dentro das súas consideracións”
A Alcaldesa de Viveiro subliñou que “despois de 13 anos de historia, de recibir varios premios e tendo en conta a experiencia dos que, ano tras ano, vivimos o Resurrection Fest, cabe dicir que este estudo ratifica o que nós vimos dicindo dende hai tempo: que o Resurrection Fest supón unha oportunidade única para Viveiro e para toda a Comarca da Mariña. Unha realidade que veciños, visitantes e Concellos próximos verifican en cada edición. O seu impacto económico e social é unha mostra máis da súa proxección, un paso máis na súa historia e recoñecemento; un novo motivo para que en Viveiro nos sintamos especialmente orgullosos deste festival. Creo que estes datos xustifican o apoio, a implicación e a colaboración das administracións dentro das súas consideracións e posibilidades”.

Melchor Roel, o Alcalde que “soubo ver neste proxecto unha idea de futuro”
“Considero necesario lembrar a Melchor Roel, o Alcalde que soubo ver neste proxecto unha idea de futuro. O importante apoio que o Concello de Viveiro deu o Resu dende a súa primeira edición foi determinante para que o festival sexa a día de hoxe tal e como  o coñecemos. Sen Viveiro o festival sería diferente, mellor ou peor, quen sabe, pero dende logo non sería o Resurrection Fest. Por todo isto, polo datos que hoxe acabamos de coñecer, polas súas orixes e por formar parte da historia de Viveiro, o Resu é para todos os viveirense un motivo de orgullo”, engadiu.  

“Parte do éxito deste festival ven da tolerancia, do respecto e da hospitalidade dos viveirense”
“Como Alcaldesa do Concello de Viveiro, síntome especialmente orgullosa da implicación e comprensión de todos os veciños de Viveiro. Pois Viveiro é unha vila de 16.000 habitantes e, evidentemente, temos que tomar medidas necesarias porque nesa semana chegan a Viveiro máis de 80.000 persoas. Cada ano comezamos antes a precintar o recinto, cortar accesos... e isto interrompe a rutina diaria dos veciños de Viveiro. Por iso digo que parte do éxito deste festival provén da tolerancia, do respecto e da hospitalidade dos viveirense, especialmente dos veciños de Celeiro”.

“O Concello seguirá colaborando co Resurrection Fest ao igual que os anos anteriores, poñendo a disposición da organización todos os recursos humanos e materiais dispoñibles, encargándonos de coordinar todas as medidas de seguridade que un evento destas dimensións require... Todo o traballo realizado antes, durante e despois, e toda a colaboración, vese recompensada ao coñecer estes datos”.

“Finalmente, quero agradecer aos organizadores do festival por ternos convidado a presentación deste estudo; e felicitar a todas e cada unha das persoas que fan posible que o Resu leve o nome de Viveiro por todo o mundo”, remarcou Loureiro.

 

Impacto do Resurrection Fest